Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

De Reading a Fisterra

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

FISTERRA

09 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por circunstancias promocionais do Camiño Inglés participei cunha delegación galega na cidade de Reading en varios actos entre os que estaban unha visita guiada ao seu museo e outra ás ruínas da súa abadía e á igrexa de Saint James. Entre o que cheguei a ver na curta pero interesante visita ao museo estaba unha copia do espectacular tapiz de Bayeux coñecido tamén como o tapiz da raíña Matilda, no que se describen momentos decisivos para a historia de Inglaterra entre 1064 e 1066, ano este último no que Guillerme de Normandía venceu ao rei saxón Haroldo II na celebre batalla de Hastings montando un cabalo negro de suposta orixe galega, agasallo, segundo diferentes fontes, dun rei de Galicia; desa victoria pasou a ser Guillerme o Conquistador. Entre as escenas que aparecen na tea vese unha representación do cometa Halley cuxa aparición no 1066 houbo quen a interpretou coma un mal presaxio para o rei saxón, e parece que así foi coa súa derrota.

A devoción de Reading por Santiago nace cando a raíña Matilda, filla de Henrique I e neta de Guillerme o Conquistador, entrega á abadía no 1133 a que supostamente era man do Apóstolo Santiago, traída dende Galicia segundo a lenda. Xusto a carón está tamén o santuario de Saint James, igrexa de orixe normanda erguida en parte con pedras desa antiga abadía, decorada con cunchas de vieiras e outras iconografías xacobeas; é un dos lugares onde comeza o camiño a Compostela e alí puiden ver esa suposta man de Santiago. Como observador superficial, creo que Reading conta con argumentos históricos, culturais e relixiosos como para se converter de novo nun importante lugar de peregrinaxe. Ademais, nesta cidade está activa a Confraternity of St. James, que promove e divulga a extraordinaria pero ata agora aínda pouco coñecida ruta. O seu labor é clave na recuperación e posta en valor sen que se perdan as esencias fundamentais. De Reading a Southampton a pé, dende alí en barco ata A Coruña, de novo a pé polo camiño inglés galego ata Compostela e podendo seguir como indica a tradición cara os confíns en Fisterra e Muxía, onde conflúen os mundos visible e invisible. Territorio do lendario Vakner.