Lección de xeoloxía nun hotel literario da fin do mundo

X. A. CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

X. A.

Manuel Regueiro e González Barros levou ao Bela Fisterra a obra O Tesouro de Brando

03 sep 2021 . Actualizado a las 01:24 h.

Foi unha lección de xeoloxía. O hotel Bela Fisterra, un espazo turístico consagrado á literatura e á arte, foi o escenario dunha nova presentación da novela O tesouro de Brando, da que é autor o presidente do Colegio Oficial de Geólogos, Manuel Regueiro e González Barros. Un dos participantes, Juan Ramón Vidal Romaní, que aclarou que O tesouro de Brando é a primeira novela xeolóxica, comezou dicindo que o acto estaba tendo lugar enriba dunha duna formada dende hai 7.000 anos. Navegando pola ciencia da Terra foi contando como sería o espazo de Brando na Idade de Pedra e como o protagonista da novela foi elaborando o mapa xeolóxico dunha paisaxe que non é estática. «O mar é un estraño aquí. Durante 2,6 millóns de anos, o océano estivo lonxe de Fisterra. Comezou a subir de nivel hai uns 15.000 anos», afirmou. Manuel Regueiro, Julia Ures e Xiao, autor da portada, debullaron aspectos do contido do libro, que percorre vida e aventuras dun habitante neolítico no arco Corme-Borneiro. Unha obra moi da man de científicos, pero que, segundo o autor, vén sendo un conto galego.