Manoele de Felisa: Un canto ás rutas de peregrinaxe

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Fisterra é a primeira parada da xira do músico «Cancioneiro do Camiño»

18 jun 2021 . Actualizado a las 09:33 h.

Co seu octavo traballo baixo do brazo chega Manoele de Felisa a Fisterra, primeira parada da nova xira do cantautor nado en Cuntis na que ofrecerá un espectáculo que non deixará indiferente ao público. O lugar desta primeira actuación non foi elixido ao azar, xa que o fin da terra e tamén o punto final da viaxe dos peregrinos, eixo sobre o que xira o último disco do cantautor. «O Bela Fisterra é un sitio especial. Esta localidade é onde remata o camiño e por iso queríamos comezar aquí de forma simbólica, xa que é un álbum dedicado as distintas rutas de peregrinacións e en ano Xacobeo cobra especial significado», apunta o músico, entusiasmado pola cita.

O seu disco máis especial

Cancioneiro do Camiño, o espectáculo, é unha andaina musical polas diferentes rutas na que nos mergulla Manoele de Felisa e a súa banda. O concerto está baseado no seu último librodisco que leva o mesmo nome da xira e que conta coa colaboración dun total de 18 artistas e escritores como María do Ceo, Pablo Vidal, Alexandre Neriun, Alonso Montero, Fina Casalderrei, Regina Touceda ou Victor Freixanes. «Non faltan tampouco lembranzas a Avelina Valladares, primeira muller galega en escribir unha obra de teatro, ou a William Wey, camiñante inglés que chegou a Galicia pouco antes do descubrimento de América», apunta Manoele, que confesa que para este traballo estivo indagando máis de tres anos. «De todos os meus traballos é o máis especial sen dúbida. Estiven traballando tres anos, investigando e documentándome», confesa o de Cuntis, que ten raíces en Bergantiños: «Os meus avós paternos son de Coristanco, de Erbecedo». Precisamente o seu nome é unha homenaxe á familia, concretamente a súa avoa materna. «Na miña vila chámannos os de Felisa, e é por iso».

Este concerto é dobremente especial para Manoele, xa que por un lado comeza a súa nova xira, e por outro supón a súa volta aos escenarios tras un parón forzoso polo covid. «A pandemia afectounos moito a todos, eu seguín traballando na casa. Aproveitei para seguir compoñendo, investigando, pero con esa incerteza e sen saber moi ben para que. Esta volta é moi ansiada, para todos os artistas, polo que afrontámolo con moito entusiasmo. Ademais, este proxecto é avalado por moitos escritores, o prologo do libro é de Víctor Fernández Freixanes». Coa actuación de hoxe no Bela Fisterra, Manoele de Felisa pon inicio a unha xira que o levará por toda Galicia. «Estamos moi contentos, de momento temos xa máis de quince datas fixadas. A próxima semana, o día 27 estaremos en A Estrada, e logo, o 16 de xullo actuaremos en Ribeira».

En defensa do galego

Manoele leva xa moitos anos sobre os escenarios, xa que comezou na música no ano 86. Os seus inicios estiveron marcados pola literatura e a poesía galega. «Comecei musicalizando a Roberto Blanco Torres, logo traballei con Xosé Neira Vilas, e seguín con Rosalía de Castro, entre outros». Posteriormente, o de Cuntis comezou a compoñer as súas propias obras bebendo tamén das paisaxes para inspirarse. «Sentarse no solpor en Fisterra xa é evocador, desfrutar desa paisaxe é unha forma catártica. Penso que dunha mesma idea poden sacarse diferentes estados de ánimos», indica o artista, que ao longo da súa traxectoria foi evolucionando, pero que destaca que segue fiel aos seus ideais: «Sigo comprometido coa música en galego, reivindicando a nosa cultura e poñendo en valor o noso». Nese sentido, o cantautor reclama máis espazos: «Penso que hai que promocionar máis a nosa lingua, facer máis país, e para iso é fundamental contar con máis espazos nos medios».

Entradas. O concerto é hoxe no Bela Fisterra. As entradas son gratuítas e para obtelas basta con anotarse no correo electrónico info@belafisterra.com. O aforo é limitado e a última hora deste xoves quedaban só 300 pases.

Máis de 15 datas. Tras a actuación de hoxe na Costa da Morte o cantautor continuará a súa xira por Galicia. As próximas paradas son A Estrada e Ribeira.