Hoxe temos unha cita coa historia de Fisterra

Modesto Fraga

FISTERRA

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de marzo de 1967 apagouse a voz de Francisco Esmorís Recamán, un dos intelectuais máis sobranceiros do século XX na Costa da Morte. Quixo o destino que o seu enterro coincidise co Domingo de Resurrección, festividade á que don Paco contribuíu a modernizar e universalizar recuperando o «Auto de Resurrección», texto litúrxico de extraordinario valor histórico e relixioso. Esa mañá, os fisterráns acudiron emocionados a despedilo nun multitudinario funeral ao que se sumaron grandes personalidades culturais e sociais da época. Deixábanos o home pero quedábanos a súa obra, o seu inxente legado literario e historiográfico. Todo aquilo polo que loitou, de xeito incansable, ao longo da súa vida.

Transcorreron, pois, cincuenta e catro anos do seu pasamento e chegou a hora de recuperar para as xeracións do presente e do futuro unha voz imprescindible, única, que foi quen de sentar os alicerces da nosa identidade cultural. A «Obra Selecta» de Francisco Esmorís Recamán, que se presenta hoxe en Fisterra, recolle toda a produción articulística e literaria do pai da historiografía moderna fisterrá. Non é posible falar da construción do mito do FinisTerrae, das súas seculares lendas e tradicións orais, sen acudir ás fontes documentais que don Paco foi rescatando e poñendo en valor na súa minuciosa tarefa investigadora. Por facer un símil de carácter práctico, en absoluto nada esaxerado, a obra de Francisco Esmorís sería para Fisterra o que a Biblia é para os cristiáns: un monumental tesouro historiográfico que perdurará para sempre e que nos sitúa nun lugar de privilexio, culturalmente falando.

O «Refranero fisterrán», un fito da paremioloxía sen precedentes en Galicia publicado nos anos 50 recupera máis de 1.000 refráns de carácter local que o doutor Esmorís foi xuntando e que agora imos poder admirar con abraio nas páxinas do libro; «San Guillermo y su ermita», onde nos detalla pormenorizadamente a intensa peregrinación a Fisterra xa desde a época medieval; a célebre «Cantiga do Santo Cristo», o «Auto de Resurrección», os seus luminosos artigos sobre a historia de Fisterra e o seu rico patrimonio material e inmaterial.

Celebramos hoxe un día histórico e contribuímos a resarcir unha débeda moral, de absoluta xustiza, co principal valedor da Fisterranía, un home que se empeñou en dignificar os valores e as virtudes dos seres que habitamos este milenario confín atlántico. É o momento de actuar, de sentírmonos orgullosos do que fomos, do que somos e do que queremos ser no futuro. Desde a Biblioteca da Fisterranía seguiremos traballando arreo na recuperación das obras dos que nos precederon, con entusiasmo, honestidade e admiración. Por eles, por nós e por vós.

Por Fisterra.