Terras do solpor

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

FISTERRA

X. Estévez

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia atinxe os feitos acreditados, e tamén os mitos e lendas que foron conformando a nosa identidade específica. A medida que investiga, vai reelaborando uns e outros, ao tempo que se esvaecen da memoria colectiva. Na busca dunha maior verdade, corrixe os excesos heroicos dos pobos e das biografías persoais, tan dadas a magnificarse ao abeiro dos tanatorios. As tradicións que permanecen son as que nós mesmos somos quen de transformar, de actualizar, dándolles un sentido no presente. Velaí os camiños de Santiago, que evolucionaron dunha vía de sacrificio e perdoanza cara a unha ruta de reconciliación e gozo.

Desde unha atalaia á beira dun cantil, no Grove, cando o día se extingue nun luscofusco excepcionalmente fermoso, vou xirando o rostro seguindo imaxinariamente os puntos cardinais e entendo as razóns da atracción secular dos europeos cara ao noso Fisterra, ante tal beleza e misterio.

Virando ao sur evoco o querido Portugal e, seguindo o xiro, contemplo España enteira, que soubo acadar a convivencia nun lugar común ideado por nós, chamado primeiro Transición e logo Autonomía, como materialización dun anhelo que non daba chegado.

Na estrema oriental da ribeira do Mediterráneo, Cataluña, dividida entre eles e con nós. Unha ruptura tan longa repercute inevitablemente no seo de familias e amigos, que sentimos a necesidade de recuperar a proximidade. Seica hai entre os membros do anterior goberno popular quen está a dar un paso serodio para recoñecer que o recurso contra o Estatut foi un erro, e hai tamén algún independentista crítico co disparate da desconexión unilateral.

Resulta evidente arestora que é imprescindible atopar lugares de coincidencia para resolver os asuntos fundamentais do Estado, que sempre se utilizan como fío condutor nas campañas electorais pero nunca se definen. Un espazo presidido pola cordura no que nos sintamos a gusto a maior parte dos españois, defendendo cadaquén as súas ideas e compartindo o obxectivo superior de superar os conflitos e acadar a cohesión necesaria para desenvolver políticas niveladoras de tantos desiguais.

Volvendo ao punto de partida, mentres o sol acaba de sumirse no horizonte, intuímos as Américas, tan vinculadas a Galicia, que tamén demandan un novo modelo relacional, esquecendo para sempre o paternalismo que aprendemos nos vellos manuais de Historia de España.

Estas terras do solpor poden ser un campo axeitado para traballar na pacificación das ideoloxías e practicar a cogobernanza.