Música, audiovisual, poesía e ata unha Gala pola Lingua na programación fisterrá polas Letras Galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Xulio Gil / Xerais

Comezará o día 14 e prolongarase ata o 23, con actividades de todo tipo

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 14 ao 23 de maio • O Concello de Fisterra presenta, en colaboración coa Deputación da Coruña, un extenso programa cultural e divulgativo en torno á conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á lucense Xela Arias. Comezará o venres 14, e incluirá maxia, música, recitais poéticos e a proxección de varias pezas audiovisuais nas que se aborda vida e obra da homenaxeada.

Venres 14 · Ás sete da tarde, no salón de actos do Concello, unha Gala pola Lingua que estará presentada por Fran Rei e Isabel Risco. Poderá gozarse do espectáculo As nosas letras, do Mago Teto, así como dunha actuación musical que virá da man de Pakolas. Para público familiar, o aforo é limitado, co cal é necesario reservar entrada con anterioridade a través do correo culturafisterra@hotmail.com ou do teléfono 981 74 00 01. O prazo de reserva de prazas conclúe o día 13, xoves.

Domingo 16 · Un espectáculo musical para os máis pequenos da casa, os bebés. Será a cargo de María e Jorge, baixo o título de Cucú, e a partir do mediodía. Pensado para crianzas de 0 a 3 anos, terá unha duración de 45 minutos e o aforo será limitado, co cal será preciso reservar praza previamente a través das mesmas canles que no espectáculo anterior. Neste caso, o prazo finaliza o venres 14 deste mes.

Luns 17 · Pilar García, a normalizadora lingüística do Concello de Fisterra conducirá unha presentación e recital da obra da autora homenaxeada este ano, Xela Arias. Neste caso, será na biblioteca municipal a partir das sete da tarde. O aforo tamén será limitado.

Do 17 ao 23 · Proxección audiovisual a través da páxina de Facebook do concello de Fisterra: seis episodios da peza A palabra esgazada, na que se aborda a vida e obra de Arias.