«A idea é que os propios aloxamentos sexan unha experiencia para o visitante»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

PEPE FORMOSO

TURISMO A TODA COSTA | Autoestima e unión son os grandes retos do turismo comarcal, segundo Formoso, impuslor de dous establecementos identitarios da Costa da Mort,e o Bela Muxía e o Bela Fisterra

10 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Bela Muxía e Bela Fisterra. Xa o nome elixido é toda unha declaración de intencións. «Quería enxalzar a fermosura que ten esta terra», conta Pepe Formoso, promotor dos aloxamentos.

Primeiro chegou o albergue da vila muxiá, no 2012. «Parte do motivo polo que ían máis peregrinos a Fisterra era porque en Muxía non había infraestruturas. Fomos o primeiro albergue privado da localidade, e foi creado e tematizado para reivindicar o Camiño a Fisterra e Muxía», narra Formoso. Nas súas paredes, textos do experto en arte Antón Castro; nos cuartos, os consellos aportados por un dos grandes eruditos do Camiño, Antón Pombo, que ten feito o itinerario ducias de veces. «Poden parecer insignificancias, pero detalles como enchufes e luces individuais, calefacción de chan radiante ou vestidores nas duchas redundan no confort dos peregrinos. Ademais, aparte das habitacións comúns, hai outros cuartos máis convencionais de catro ou mesmo dúas prazas. Quitando a experiencia vital que significa facer o Camiño, os albergues teñen vida propia e ofrecen as súas propias experiencias. Nós non queriamos pasar desapercibidos na memoria dos peregrinos», explica o promotor.

Ademais da parte funcional, non pasa inadvertida a súa vertente cultural. Exposicións, concertos, clases maxistrais e presentacións literarias teñen feito do Bela Muxía un fervedoiro cultural nos últimos anos.

PEPE FORMOSO

En 2018 chegou a outra pata deste ambicioso proxecto: o Bela Fisterra, unha aposta polo turismo de calidade pese a que, nas súas orixes, a idea era seguir tamén na liña dos albergues. «Pero en Fisterra había xa 17 aloxamentos deste tipo, así que tiramos por outro camiño diferente», di Formoso. Un produto de calidade e, sobre todo, sustentable. Apostaron por deixar a menor pegada posible instalando un sistema de calefacción por xeotermia, así como a recollida de pluviais. Tamén traballaron para obter a máxima eficiencia lumínica, non só optando polo led, senón tamén deseñando estancias nas que se puidese aproveitar a luz solar todo o que fose posible. Produtos alimentarios de proximidade -ovos, patacas, leite, mel, aceite...- e auga «quilómetro cero», xerada no propio centro, completan a aposta pola sostibilidade neste hotel fisterrán.

Trátase, así mesmo, do primeiro hotel literario de Galicia, con dezaseis habitacións inspiradas en outras tantas grandes obras da literatura universal con temática mariña; e con unha delas, denominada «Marea Viva», apadriñada cada certo tempo por un artista vivo. A poeta Yolanda Castaño foi a primeira en ostentar esa honra e cedeu, de maneira desinteresada, un poema e unha videocreación da que poden gozar os hóspedes dese cuarto. «Trátase de que os visitantes non só vivan experiencias cando andan, senón que os propios establecementos sexan unha experiencia», conclúe o responsable.

Respecto aos retos aos que se enfronta o turismo na Costa da Morte, Formoso resúmeos en dous piares básicos: «Primeiramente, autoestima. Temos que crernos o grandísimo potencial que ten esta terra. Non é casualidade que a xente veña aquí. E, por outro lado, está a unión. Aínda queda moito por aprender, pois penso que debería dárselle un impulso ao turismo de inverno. Sempre digo que quen nunca viu un temporal da Costa da Morte, non coñece a zona en realidade».