Juan Francisco López, Veneno: «É un orgullo presidir o club que volve á categoría nacional»

O novo presidente da SD Fisterra formou parte do equipo dos anos 80 e leva máis de 20 na directiva


Carballo / La Voz

Juan Francisco López López (Fisterra, 1962), coñecido como Veneno, é dende o pasado domingo e por un período de catro anos o novo presidente da Sociedade Deportiva Fisterra. Asume o cargo nunha etapa moi emocionante para o club en Terceira División Nacional de fútbol, pero, á vez, lastrada pola pandemia.

-Ten un alcume ben curioso.

-Venme duns xogos comarcais do colexio. Nunha discusión que houbo entre os adestradores, collín e saín para fóra. E o meu monitor colleu e díxome: ‘Vén para aquí, es coma o veneno!'. E dende aquela, o dorsal número 2, Veneno.

-En que posición xogaba?

-Era lateral esquerdo. Sempre xoguei no Fisterra, dende xuvenil. Tamén no Lariño, que era filial. E cando o Fisterra ascendeu a Terceira División, xa vin para aquí. Estiven eses dous anos como sub-20. Xoguei con Miculita, Ayala... Por iso para min é un orgullo presidir o club que volve á categoría nacional 40 anos despois. Asúmoo con ganas e moita ilusión.

-Xa ten experiencia como directivo.

-Levo máis de 20 anos na directiva. Nunca abandonei o fútbol. Dende os 14 ata os 25-26 anos que marchei navegar, estiven de xogador. E cando volvín, aínda lle botei unha man ao equipo en Preferente cando tiñan falta de xente. E despois, seguín axudando no que podía ata que quedei definitivo na directiva. Iso si, adestrador nunca fun. A min o fútbol... uf, encántame. Agora estaba de vogal.

-A dimisión de Juan Jesús Martínez colleuvos por sorpresa tamén aos directivos?

-Si, totalmente. Tivemos unha reunión todos e ao final dixo que dimitía por motivos persoais. Estivemos leados os días seguintes para ver se seguiamos ou non, ata que se concretou que quedabamos todos e daquela collino eu. Nunca fun presidente, pero apetecíame porque despois de tantos anos loitando e chegando lonxe, deixarllo a calquera...

«O meu mandato vai estar marcado polas dores de cabeza »

-Agora asume o reto máis grande do Fisterra nos últimos anos.

-Si, a ver como se planea isto, porque coas normas que hai, poucas ganas temos de competir os clubs. A cousa ponse fea de todo, con protocolos moi esaxerados. Non somos o Real Madrid nin o Barcelona. Somos clubs humildes. Métennos en cousas que nin nós nin calquera da zona é capaz de asumir. Por exemplo, no tema da afección, nós temos un campo grande, pero unha grada pequena. E aínda poñendo cadeiras ao redor, coas distancias, nunca van poder entrar 1.000 persoas. Mais se chove, xa nada. Cada día hai unha nova medida e se che recortan por tódolos lados non sei de onde imos sacar a pasta. O meu mandato vai estar marcado polas dores de cabeza.

-Que retos se propón?

-Para o primeiro equipo, a permanencia, e despois diso, o que xurda. Pero eu creo que sería xa importante e moi satisfactorio manterse nesta categoría. Por outra parte, se pasa a maldita pandemia esta dunha vez, queriamos formar un bo equipo de xuvenís a ver se somos capaces de metelos na Liga Galega. O ano pasado non logramos facelo porque empezaron a marchar para un sitio e para o outro. O que pasa sempre nesta zona, que veñen os equipos a tocarche ós rapaces, estes pensan que iso é outro mundo e marchan. Pero este ano estaban todos decididos a volver mais tiñan unha boa plantilla, que xa fai dous anos xogaron a fase de ascenso á Liga Galega.

-No Fisterra teñen moi boas fichaxes para ser un club modesto. ¿En que se apoian?

-Aquí axúdannos os bares, todas as casas comerciais, os socios... Temos bastante afección nos partidos e, entre rifas, entradas e demais, imos tirando para diante. Xuntouse unha tropa de xente cos Rapacollon´Big Band que atrae a un montón de xente ao campo.

-Teñen varios xogadores a proba. Pecharán pronto a plantilla?

-Non sabemos cando a imos pechar porque, de feito, agora, decidimos parar os adestramentos mentres non se aclaran os protocolos. A data de inicio da liga está posta para o día 20 de outubro, pero hai equipos que aínda non empezaron a adestrar porque os concellos non lle permiten entrar nos campos de fútbol.

-Tan sequera, gústalle o novo formato de competición?

-A nós esta zona toda vennos mellor polos desprazamentos: mellor xogar na porta da casa que ir a Vigo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Juan Francisco López, Veneno: «É un orgullo presidir o club que volve á categoría nacional»