José Marcote, alcalde de Fisterra: «Sempre estou insatisfeito, penso que teño máis que facer... Pero fago o que podo»

Antonio Longueira Vidal
Toni longueira CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Ana Garcia

UN ANO DE CORPORACIÓNS | «Hai que empezar a pensar en ampliar a capacidade da depuradora, debido ao aumento do turismo en Fisterra», di o rexedor fisterrán

10 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

José Marcote Suárez (1961) é concelleiro dende o 2007 e alcalde de Fisterra dende xuño do 2015.

-Que balance fai deste primeiro ano de mandato?

-Foi atípic,o porque o covid-19 modificou a planificación de traballo prevista. Pódese dicir que foi un ano de continuación de todo o que se viña facendo no anterior mandato. Levabamos un bo ritmo de traballo, e de súpeto cortouse todo. Temos a sensación de que agora é coma se tivésemos que volver a arrancar. As planificacións que tiñamos feitas e acordadas... Hai que volver a revisalas. E hai cousas novas que facer, porque o covid-19 continúa aquí e non sabemos ata cando.

-Como prevé a campaña de verán?

-Estamos arrancando. Xa abrimos a oficina de turismo porque non puidemos facelo antes, e agora estamos con mínimos, con dúas persoas. O albergue aínda o temos pechado. De feito, estamos a mirar unha comunicación do plan do Xacobeo porque hai que formar a xente para ver como se traballa nos albergues. Estamos a planificar e reestruturar as praias pensando na afluencia, no control... Estamos a dar pasos, pero tamén temos que estar pendentes do resto de cousas, como son o resto de instalacións e infraestruturas da vila, sobre todo de saneamento. Facemos redes separativas de fecais e pluviais, porque o sistema de tratamento de augas residuais sen esta separación das canalizacións representa un problema, sobre todo no inverno. Temos que ir pensando en ampliar a capacidade da depuradora, buscar novos sistemas, pensando no futuro, non a moi longo prazo, porque cada vez son máis os turistas que veñen a Fisterra.

-Sobre todo no contorno do cabo.

-O faro é a nosa insignia. Agora xa temos a estrada como nos dixeron no convenio que tiñamos firmado coa Autoridade Portuaria. Xa está lista, só falta pintar para que nola transfiran e sexa xestionada polo Concello. E tamén traballamos no plan que queremos para o faro. Remitimos a nosa proposta hai tempo á Autoridade Portuaria, pero o covid-19 está a facer das súas e non hai avances. O plan do cabo é algo integral. Insistimos en que para o faro queremos un centro de interpretación, estamos en contra de que se fagan máis hoteis. Aquí non ten sentido».

Xan Carlos Sar (BNG): «As pequenas obras ao final son tanto ou máis importantes para os veciños cás grandes»

Xan Carlos Sar Oliveira, Kuka, concelleiro de Obras e Servizos e voceiro do BNG dende o 2015, fixo un resumo deste ano de mandato como socio de goberno co PSOE. «Creo que é un balance positivo, aínda recoñecendo que quedan moitas cousas por facer. Pero todo o que hai que realizar, realízase, sobre todo as cousas pequenas, que no fondo son as máis importantes para os veciños.

Xar Carlos Sar destacou «o parque infantil de Sardiñeiro, que era unha actuación moi demandada, e a verdade é que quedou moi ben».

Fisterra é, xunto con Camariñas, o único concello da zona no que o goberno municipal instalará unhas estacas a pé de praia para controlar os accesos a Langosteira e Sardiñeiro: «Esta semana esperamos colocalas, porque xa as recibimos. Poranse ao longo destas praias e haberá cincuenta metros entre unha e outra para controlar a capacidade durante o verán».

O voceiro tamén falou do control no acceso ao cabo fisterrán: «Levamos catro anos, con este cinco, facendo labores de vixilancia no contorno e no aparcadoiro. Estamos buscando fórmulas para a xestión do aparcadoiro... O que pretendemos é protexer o acceso ao cabo, porque o faro é a nosa galiña dos ovos de ouro. Non temos empresas potentes, non temos eólicos... Polo que o faro é o noso referente, pero protexendo o seu contorno».

Fisterra é un dos concellos con maior presenza de autocaravanistas. De feito é o único municipio da bisbar,ra cunha área de estacionamento, aínda que sexa privada. Ao respecto, o edil de Obras e Servizos dixo que no goberno «falouse da posibilidade de habilitar outra pública, de xestión privada, pero non se formulou aínda». E argumentou: «Ao haber xa unha privada sería inxusto prexudicar a un veciño que fixo un investimento para unha área para autocaravanas e logo vir nós e facerlle a competencia. Cando vexamos que Fisterra precisa doutra falarémolo. Xa temos pensado algúns sitios, evidentemente non preto do cabo. Falamos de Langosteira, pero non hai nada comprometido».

José Manuel Traba (PP): «Funcionan a golpe de Facebook: se a xente se queixa de que corten as ramas, córtanas. Non hai unha planificación»

José Manuel Traba Fernández fixo un resumo deste primeiro ano de mandato: «Balance no estrito sentido da palabra non se pode facer, porque nin sequera se aplicou ningún dos plans que ían no mandato anterior». E argumentou: «O plan xeral de ordenación municipal, aprobado en agosto do pasado ano, vai cumprir un ano e aínda non se poden outorgar licenzas. Seguen a aplicar as normas subsidiarias, e todo porque ese plan aprobouse no seu día con moitos condicionantes. É o que ten os plan urbanísticos e a falta de vontade... Claro que se o aprobas con todos os condicionantes que che poñen vólvese prexudicial, como é este caso, porque non podes outorgar licenzas con este plan».

Fernández falou do sector terciario: «O plan de turismo que tanta falta fai agora, e que xa viña cun cronograma, continúa sen saír adiante. Por certo, un documento que, ao meu entender, é moi sinxelo e con demasiadas xeneralidades para un concello como Fisterra». Segundo o voceiro do PP, o mesmo sucede co plan do cabo fisterrán: «Todo o resolven con plans, pero non aplican ningún, e creo que todo isto é consecuencia de que para gobernar hai que estar pegado á realidade, non estar dicindo constantemente que para resolver un problema hai que elaborar un plan. Os plans están ben, pero o que hai é que resolver o problema».

José Manuel Traba bota en falta por parte do goberno de Fisterra «que se vexan cousas, cousas tanxibles» E engadiu: «Non poden dicir que non piden bandeira azul porque xera problemas. Pero é que Fisterra vive practicamente do turismo e este tipo de cousas hai que resolvelas. Non vale con abandonar un proxecto. Estase a ver coas obras que se fan: son as que veñen incluídas no POS. Non hai nada fóra dos plans». Traba Fernández considera que detrás desta forma de actuar existe «unha parálise institucional e política do goberno municipal. Fan plans que non aplican e despois os problemas resólvense a salto de mata. Planifican cousas demasiado grandes, e as pequenas, que son as que afectan aos veciños, ou non se levan a cabo ou non funcionan». Como veciño asegurou que o executivo local funciona «a golpe de Facebook. Se a xente se queixa de que están as ramas sen cortar, mándanas cortar. Este tipo de cuestións hai que planificalas. Por certo, non convocaron un pleno dende febreiro».