Fisterra de Corrubedo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

FISTERRA

21 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ando mergullado na documentación medieval para atoparlle sentido a un novo achado arqueolóxico. Pásmame que no 2020, nun territorio tan peneirado coma o Barbanza, aparezan novos xacementos. Consultei o Tombo de Toxosoutos, un códice que, entre outras cousas, nos permite saber que o famoso arcebispo Diego Xelmírez, a xulgar pola súa efixie, gustaba da barba de tres días. É unha fonte histórica fundamental para a nosa Idade Media.

E fun bater cun detalle abraiante. Pensen en Fisterra. O éxito turístico actual do cabo máis emblemático non é só a paisaxe, senón o seu propio nome: a estrema do mundo conquistado por Roma, o lugar no que todo remata.

Pois ben, ao consultar a documentación da parroquia ribeirense de Olveira atopei varias referencias a «Finis Terre». Pero non o que coñecemos. Falaban de Corrubedo! No ano de 1142, Elvira Gutiérrez vendeu parte da igrexa de Olveira no lugar chamado «Finis Terre».

Outro documento posterior, de 1219, déixanolo máis claro: Paio Pérez e Eldonza Gutiérrez venden tamén a súa parte desta igrexa situada «ao carón do mar de Teira, chamado noutrora Finis Terre». A aldeíña de Teira era a referencia do momento. E xa no século XIII o topónimo «Finis Terre» era tan vello que estaba en desuso!

A historia é un remuíño de casualidades. Imaxinen que o topónimo se tivera mantido, e nestes anos unha enxurrada de peregrinos baixara polo Porto do Son ata o cabo Fisterra de Corrubedo. Así que xa saben: garden todos os topónimos. Nunca se sabe cando poden facer falta.