O virus do Macondo mantense vivo

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

JORGE PARRI

Membros do Batallón Literario reuníronse en Fisterra na véspera do 25.º aniversario

05 mar 2020 . Actualizado a las 22:10 h.

«Escribín poesía por culpa do virus do Batallón», chegou a dicir Marilar Aleixandre. Aínda se mantén activo ese virus, que xurdiu en torno ao bar Macondo, que rexentaba en Cee no ano 1996 o poeta fisterrán Modesto Fraga. O domingo varios membros daquela organización literaria reuníronse despois de moito tempo noutro establecemento que tamén pretende ser emblemático, o primeiro hotel literario de Galicia, o Bela Fisterra. Estaban Miro Villar, primeiro presidente; Alexandre Nerium, o segundo; Concha Blanco, Estevo e David Creus, Xosé María Lema Suárez, Fernando Cabeza Quiles, Xoán Alberte Moure e Moncho Bouzas. Son algúns dos 30 que en maio do 96 formaron o Batallón Literario da Costa Morte.

XESUS BUA

A un ano de cumprirse o 25.º aniversario aquel movemento literario sen precedentes sentaron coa vista do mar ao fondo para reabrir páxinas ao son da música de Os Sib Do Solpor. «Aqueles eran tempos de entusiasmo», dixo Villar parafraseando a Rafael Dieste. Era «xente que velaba as súas primeiras armas literarias». Chegaron a publicar máis de 200 títulos, segundo cuantificou Modesto Fraga, que foi o incitador do encontro, xunto con Pepe Formoso, xerente do Bela Fisterra.

Recalcou Miro Villar que o Batallón xurdiu nun momento «de efervescencia cultural» que agora non ve, ao tempo que deu unha visión negativa do futuro do galego. El e mais Xosé María Lema apuntaron que, de camiño a Fisterra, tiñan a sensación de ir a un enterro e non unha celebración.

JORGE PARRI

Marilar Aleixandre quixo sentirse máis optimista. Estevo Creus apostou por abrir o campo estimular. Cabeza Quiles animou a unha maior transversalidade do feito poético. As ideas fluían: a realidade editorial, as redes sociais, o concepto grupal, a morte paulatina da Feira do Libro de Cee, o pouco apoio das librarías da bisbarra aos autores locais... E así pasaron máis de dúas horas deste reencontro de poetas que agora peitean canas.

O parador de Muxía terá unha biblioteca de autores da zona

Entre os presentes no Bela Muxía estaba Julio Castro Marcote, que será o director do parador de Muxía. Na xuntanza trascendeu que o grande establecemento muxián terá unha biblioteca cos libros do Batallón Literario da Costa da Morte. O cal foi moi celebrado polos autores presentes, que destacaron o papel de establecementos que como Bela Fisterra, no que cada habitación está dedicada a unha obra literaria dedicada ao mar, teñan unha vocación transcendente no eido cultural. Actualmente, o autor protagonista no hotel fisterrán é o berciano Juan Carlos Mestre co seu libro 200 gramos de patacas tristes.