El emprendedor Anxo Pérez: «Son unha persoa que traballa duro»

UVAS CONTADAS | O fisterrán pasou uns días na casa, pero xa está no outro lado do mundo


carballo / la voz

Anxo Pérez atendía onte ao teléfono dende Tailandia, a onde acababa de chegar, algo por descanso, pero tamén por traballo, tras pasar poucos días na súa casa de Fisterra. Así é a súa vida, dun lado para outro con conferencias, libros, talleres... Aquel método para aprender idiomas en oito días foi unha catapulta, pero ten moito máis. Incluídos numerosos premios para este home que fala nove linguas e toca oito instrumentos.

-Vostede nunca para!

-Non, non paro. Precisamente o outro día contei o número de proxectos nos que estou metido e son máis de vinte. Teño varias empresas. A xente coñéceme máis polo libros, polas conferencias, por 8Belts, que é a empresa principal, pero hai moitas máis. O meu último libro, Los 88 peldaños de la gente feliz, acadou o posto número 2 de máis vendidos de España. Foi toda unha sorpresa. Os outros dous xa tiveran moito éxito, pero non esperabamos que este tivese tanto.

-Os outros xa non estiveran nada mal.

-Los 88 peldaños del éxito xa fora o máis vendido (chegara a ese posto) de España no 2014; o segundo, La inteligencia del éxito, lograra o quinto posto, e este, en xuño, chegou a ser o segundo.

-Mantén a temática?

-É un libro novo, que non ten nada que ver cos outros, o que pasa é que todos son parte da colección 88 peldaños: o que ten de novo é que con 88 minicapítulos de tres minutos cada un, que lle chamo peldaños, comunicas un libro enteiro. Á xente encántalle porque son aleatorios, non están en orde, son 88 minilibros nun, e na editorial rompeu todo tipo de récords. Entre os tres libros xa teño vendidos máis de 150.000 exemplares, que serán máis de dous millóns de euros. Véndense en España, en América Latina... Cheguei a Arxentina a presentar o segundo libro e o taxista xa o lera, flipaba ao verme. No de Guadalajara, en México, a xente parábame, preguntábanme se era eu... Cousas que nin podía soñar con elas, acontecían.

-E daquela, cando chegará o cuarto?

-Este último aínda o publiquei hai pouco, así que de momento non teño.

-Pero si que fai outras cousas. Polo menos, as que se ven na súa web, ou algunhas delas, polo menos.

-Si, www.anxoperez.com. Fago moitos talleres de éxito interior. Fago en Madrid Un día del éxito, que vén xente de España e do estranxeiro para estar aí todo o día. Tamén talleres de fin de semana del éxito, cunha convivencia, e tamén con xente de toda España e de moi lonxe.

-Eses talleres son moi chamativos. Funcionan ben?

-Si, é incrible. O do día do éxito son como 600 persoas, nun teatro. Todas as edicións que fixemos (en España e unha en México) enchéronse. Como conferenciante, a que dou converteuse nunha das máis demandadas de toda España, coa cal pásome o día dando conferencias por moitas partes do mundo. Este ano estiven en Bolivia, Panamá, Estados Unidos, Portugal, (en portugués), Paraguai e Arxentina antes, están falando de que dea unha en Italia en italiano, fixen unha en Alemaña en alemán e inglés... Por aí traballo moito. E creei un club de empresarios en Madrid que se chama club Mastery. Xente que ten empresas, ou que traballa en grandes empresas, por invitación poden ingresar, ou presentar unha solicitude. Somos máis de cen empresarios de primeiro nivel. Facemos un evento catro horas ao mes, con cea incluída. É un proxecto moi bonito, para compartir coñecemento e claves do éxito. É outra empresa, pero a máis coñecida, a de aprender unha lingua en oito meses (8Belts.com) é a máis popular.

-Todo éxitos, daquela.

-Non. O ano pasado tivemos un erro cun director xeral que contratei, e fixo as cousas moi mal. Así que non todo é un camiño de rosas, pero este ano xa recuperamos todo o perdido.

-E con tantos temas ten tempo para volver a Fisterra? Por exemplo, estes días de Nadal.

-Claro que volvo, síntome fisterrán de toda a vida. Con Fisterra pasoume algo curioso, que me coñecían case máis por América que aquí. Levei premios de mellor alumno da Universidade, fixen a charla de graduación nun estadio de fútbol... Pero aquí non se coñecía moito o que facía. Tampouco é que o buscara, son unha persoa moi normaliña que traballa moi duro. Pero a partir de saír en programas como El Hormiguero, o de Susanna Griso ou Ana Rosa e todo iso, pois a xente non coñecía iso, despois, pouco a pouco, si. Este ano chamáronme para o pregón do Entroido de Verán. Teño dado máis de 500 conferencias nos cinco continentes, ata en Kazajstán en ruso e inglés. E en todas elas, case sen excepción, sempre arranco cunha foto de Fisterra.

Para cotillas

Prefire turrón brando, duro, de chocolate..?

Son máis de turrón san.

Reis, Santa Claus, Papá Noel?

Reis Magos e non magos. Non necesariamente os que a xente pensa. Cando din que os reis son os pais, eu digo que os reis somos todos.

Come as uvas o 31?

Son de manter as tradicións que fan á xente estar ben.

Pon árbore, nacemento, algo...?

Respecto todas as tradicións que sexan importantes para as persoas.

Ten celebrado moito o Nadal en Fisterra?

Todos, sen excepción. Para min o máis importante do Nadal é a xente, a familia.

Algún regalo navideño ilusionoulle moito?

Eu sempre lle digo á xente: cando queiras facer un regalo de verdade, non regales obxectos, regala tempo.

Algún rito especial nestas datas, ou é unha época máis, sen nada especial ou distinto ao resto do ano?

O que facemos moito é cantar. Un montón. Temos un montón de instrumentos na casa. As miñas irmás, que son as creadoras de Elsavadevoda, Paula e Carla, aínda que a xente non o saiba, tamén son moi de cantar as dúas. A elas non lles gusta que o diga [risas], pero dígoo igual. E na familia intentamos cantar moito con piano, guitarra, outros instrumentos... Á miña sobriña tamén lle encanta.

E súa nai, Lourdes?

Síntome moi afortunado pola nai que temos. para min é a gran mestra, e é tan bonito poder volver á casa polo Nadal... Pero non polo Nadal en si, como dixen, senón por este tipo de persoas. Miña nai, é unha ledicia poder pasar todo este tempo con ela, e oxalá que o poida seguir pasando moitos anos máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

El emprendedor Anxo Pérez: «Son unha persoa que traballa duro»