Xosé Leira, o poeta que escribía en verde os seus poemas

Modesto Fraga IN MEMORIAM

FISTERRA

MARCOS RODRIGUEZ

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, coas primeiras raiolas do mencer, deixounos Xosé Leira, o poeta ferrolán que con delicado trazo de ourive garabateaba de verde esperanza cada un dos seus poemas e amaba Fisterra sobre todas as cousas. Non hai palabras de alivio para describir a inmensa tristura que hoxe nos invade pola repentina perda do amigo. Foise sen avisar, coa caída das primeiras follas deste outono cruel que xa nos arrebatara, hai apenas uns días, a voz irrepetible de Manuel Álvarez Torneiro, o máis alto poeta da nosa literatura contemporánea. Coñecín a Pepe Leira en 1996, cando fun galardoado co primeiro premio de poesía Feliciano Rolán do Concello da Guarda.

Desde ese día iniciamos unha estreita amizade que nos uniu para sempre coa poesía como fedataria única, sempre a poesía. Profesor e sociólogo, impulsor do proxecto académico Aulas no Camiño, do que foi o seu director e alma máter, e trouxo a Fisterra aos escritores máis sobranceiros do noso sistema literario. Manuel María, Bernardino Graña, Eva Veiga ou Salvador García Bodaño son só algúns dos nomes que recitaron connosco ao abeiro do faro do promontorio Nerio. Ninguén, absolutamente ninguén, promoveu o Camiño a Fisterra con tanta paixón e entrega coma el.

Soñaba con novos poemas debuxados en verde que, inspirados por Erato, asomaban decote polo seu maxín nas noites estreladas que pasaba no Semáforo, a súa estancia preferida.

Apagouse a voz do poeta, pero léganos un mar de recordos e un océano de palabras no fecundo Camiño das Estrelas.

Ultreia!