Aarón Fernández: «Non me arrepinto do esforzo que fixen»

Atletas do Atlántico | Fernández deixa atrás o Vimianzo para sumarse ao proxecto de equipo do Fisterra

m. g.
Ribeira / la voz

Con 31 anos e unha carreira como óptico, Aarón Fernández vén de fichar no Fisterra, sumando así unha nova experiencia á súa traxectoria como xogador en máis de oito equipos. O muradán acolle con ánimo este novo proxecto e móstrase emocionado á hora de compartir vivencias cos seus novos compañeiros de vestiario.

-Como comezou a xogar?

-Foi o típico de poñerme co balón na praza que había preto da miña casa co meu irmán e os meus amigos. A verdade é que comecei no fútbol dende ben pequeno e xa nunca parei.

-Pensaba en chegar lonxe?

-Cando es un neno pásalo ben e xa está, non pensas máis aló. Logo, cando fun medrando, creo que sempre tiven os pés bastante na terra. Sabía ao que ía, paso a paso e, sobre todo, ao compaxinar o fútbol cos estudos, sempre lle dei prioridade aos libros. Para min os estudos son o importante.

-Como foi a súa entrada no equipo de Fisterra?

-Chamáronme no verán e a oferta pareceume boa. Para min era un salto de categoría, aínda que xa estivera en Preferente con outros equipos. Pero ademais vin unha formación competitiva e, ao traballar en Cee, teño que facer menos desprazamentos para adestrar. Eu levaba tres anos xa no Vimianzo e custoume tomar a decisión, porque non é só o fútbol, deixei atrás moitos amigos. A pesar disto, vin todas as cousas boas que me ofrecía este proxecto e decidín aceptar.

-E cre que o seu futuro neste equipo vai para longo?

-De momento estamos comezando así que non podo sacar moitas conclusións. Aínda así, estou moi ilusionado e teño moitas ganas de facer un ano bonito. Hai que empezar a rodar e a coñecernos entre nós, porque ao final no fútbol todos nos coñecemos, pero non é o mesmo xogar contra alguén ou saber del de oídas que estar no mesmo equipo e compartir todo. Temos que formar un bo bloque e conseguir os obxectivos marcados canto antes.

-Cales son eses obxectivos?

-Aínda é cedo, pero sen ningunha dúbida o principal é asegurar a permanencia canto antes. É o que penso eu, pero tamén o que nos transmitiron dende a directiva. Despois xa o que comentaba, intentar practicar un fútbol bonito co que a xente goce cando nos veña a ver. Queremos que a xente se sinta identificada co noso xogo e co carácter do equipo.

-Como se definiría a si mesmo dentro do campo?

-Pregunta complicada. Creo que nun equipo fan falta xogadores con talento ou cunha característica que os faga diferentes e xogadores que vexan ben as xogadas, que faciliten as cousas e que sexan un pouco intelixentes. A cabeza é tan importante como as características físicas ou técnicas. Eu non creo que teña ningunha calidade especial, igual bo manexo co balón, que xogando de central é complexo. Pero sobre todo intento, e creo que o vexo reflectido, facilitar o xogo dos demais compañeiros, porque o fútbol é un xogo de equipo, e sacar o mellor de cada un. Aínda que ás veces quéixanse de que son un pouco pesado.

-Lembra algún momento duro na súa carreira como xogador?

-É un tópico, pero as lesións. Cando son complicadas e ademais se prolongan no tempo fan que penses cousas. Cando era máis cativo, custábame moito o tema do compromiso: vía aos meus amigos na praia e eu tiña catro adestramentos á semana e, polos partidos, tiña que desprazarme moitísimos quilómetros as fins de semana. Como digo sempre, sarna con gusto non pica e simplemente era o que tocaba. Non me arrepinto do esforzo que fixen.

-Como ve a Liga da Costa nestes momentos?

-É un fútbol moi bonito e que ten moito seguimento. É certo que agora parece que á xente lle custa un pouco máis porque hai outros deportes que están collendo bastante gancho, que ao final é algo bo, non todo vai ser fútbol, pero segue a haber moita afección e moi boa. Hai xente por aquí que ten moita paixón polo fútbol e eu creo que a promoción desta liga nos medios fomenta o deporte e sobre todo inculca bos valores para o futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Aarón Fernández: «Non me arrepinto do esforzo que fixen»