Anxo Pérez: «O coñecemento fai a vida máis ancha»

lorena rey / v. couto CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

PACO RODRÍGUEZ

Recoñecido polo seu revolucionario método para aprender idiomas, será o encargado de dar o pregón do Entroido de Verán de Fisterra, mañá. Escritor, emprendedor... moitos son os méritos deste fisterrán

05 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O fisterrán Anxo Pérez revolucionou o mundo co primeiro e único método para aprender idiomas en tan só oito meses (8Belts). A día de hoxe coñécense alumnos en máis de 50 países, e xa se venderon máis de 150.000 exemplares entre os tres libros que escribiu: Los 88 peldaños del éxito, La inteligencia del éxito ou Los 88 peldaños de la gente feliz. Incluso en América Latina son moi coñecidos: alí teñen millóns de lectores. Son moitos os correos que diariamente lle chegan ao escritor dicíndolle que os tres libros lles revolucionaron a vida. «Se a xente lle dá valor ao meu traballo a miña vida ten un pouquiño máis de sentido», afirmou Anxo en Radio Voz. Todas as súas obras están dalgún xeito relacionadas co 8, xa que é o número do éxito na China e ao tombalo obtense o símbolo de infinito, que o fisterrán relaciona coa idea que el ten da aprendizaxe: iso é, unha aprendizaxe que nunca debe ter fin.

Anxo será o pregoeiro do Entroido de Verán de Fisterra, que se celebra mañá, cita á que tamén acoden xentes do Barbanza. Intervirá ás 19.30 horas na praia da Ribeira e convida a todo o mundo a asistir, non só para escoitar o pregón, senón para gozar do ambiente: «Será moi divertido». Ademais, agradece a celebración deste día: «Aplaudo a todas as persoas que o fan posible porque hai moito traballo detrás».

Este emprendedor espera con ganas a chegada da fin de semana. Lembra aquelas comparsas que se facían sendo el un neno: «A verdade é que no meu municipio fanse moitísimas cousas, hai xente con moita iniciativa». Xa dende pequeno se amosaba sorprendido con isto: «Quedaba abraiado de ver tanto dinamismo na vila, tanto talento. Ver tanta xente que se move tanto penso que é digno de aplaudir».

Conferencias internacionais

É unha persoa polifacética. Leva toda a vida facendo diversas actividades por todo o mundo. «É moi bonito que por fin no teu concello a xente recoñeza todo iso. Teño unha gran ledicia por facer o pregón», confesa. Para Anxo é un orgullo ser parte da Costa da Morte. Sempre fai referencia a que foi, é e será de Fisterra. A consecuencia da súa ocupación diaria non pasa moito tempo no seu lugar de nacemento.

SANDRA ALONSO

Actualmente vive en Madrid, aínda que dispón de pouco tempo para estar na cidade. Nos últimos anos estivo dando conferencias en Panamá, Bolivia, Paraguai, Estados Unidos ou Arxentina, entre outros lugares. «En realidade paro pouco en Fisterra, pero gustaríame ir máis», admite. Ante o éxito dos seus libros, o autor sempre intenta falar en plural. Agradece todos e cada un dos eloxios, pero considera que sen a axuda da súa familia, xente da vila ou incluso os profesores non chegaría a ser quen é. «Intento achegar todo o posible sempre dende a humildade, xa que queda moito máis por aprender que por ensinar».

Pérez considera que o talento está para ser honrado e que honralo non significa poñelo a disposición dun, senón doutros. «O coñecemento non fai que a túa vida se faga máis longa, pero si máis ancha», manifesta o escritor.

O seu novo libro, Los 88 peldaños de la gente feliz, é nestes momentos o segundo máis vendido en toda España. Fala de que a maior fábrica de sufrimento é o cerebro humano. Anxo conta que a procura máis realizada na barra de Google nos últimos anos foi «como ser máis feliz». «Porén, ninguén nolo di». A súa publicación mostra a clave para conseguir selo máis. Quizais o motivo polo que a obra se vende tanto, di, sexa porque «está composta de pequenos chanzos de tres minutos que a xente pode ler pola mañá e aplicar pola tarde».

O fisterrán é consciente da dedicación que se necesitou para sacala adiante. «Soamente podo dicir grazas a todos os lectores e a toda a xente que fixo isto posible. Agora é bonito poder chegar con este novo éxito a Fisterra para facer o pregón».

Máis del

  • Coñecementos. Fala un total de nove linguas e sabe tocar nove instrumentos.
  • Ocupacións. Foi tradutor para o FBI, o Senado e a ONU.
  • Galardóns. Premio Emprendedor del Año 2015 e Premio Emprendedores Deloitte 2013.