José Manuel Traba: «Nin sequera o que estaba feito tivo mantemento»

Fran Rodríguez / j. v. l CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

JORGE PARRI

26M: AS MUNICIPAIS | O exalcalde de Fisterra incide na crítica ao actual goberno pola suposta parálise do Concello, no que todo é proxectar sen atender o día a día. Volve a ser el o candidato do Partido Popular 

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Traba Fernández (Fisterra, 1966) gañou en votos no 2015, pero sumou os mesmos catro concelleiros que o PSOE que goberna co BNG, co que tentará recuperar a alcaldía para o PP.

-Son días duros estes da campaña?

-Son días nos que, evidentemente, a campaña che obriga a implicarte un pouco más coa xente, pero a actividade política vén sendo máis ou menos a mesma ao longo de todo o ano.

-O empate a concelleiros co PSOE no 2015 fai que se empreguen máis a fondo?

-Naquel momento estaba máis centrado na xestión que na campaña electoral. Estaba no Concello, centrado en resolver problemas. Neste caso si que collemos máis días libres para a campaña, ao non ter obrigas de goberno.

-Como ve a situación do Concello de Fisterra nestes últimos catro anos?

-Non é opinión miña, senón xeneralizada de que nestes catro anos estivo todo paralizado. Todo o que estaba feito non tivo, polo menos, tan sequera a cuestión de mantemento. Non hai máis que ver os parques, atender as queixas da xente da zona de rural, como están as cunetas, como están as fontes, como se desatendeu todo aquilo que era un pouco o funcionamento normal da vila. O exemplo está en que xa se renuncia incluso a un elemento que sempre xeraba moita discusión, como é o da bandeira azul, non só a da Langosteira, senón á da Ribeira tamén, como xa tivemos en dúas ocasións. Son cousas que a xente che vai dicindo que se están abandonando e que non se fan cousas novas para suplir todo este tipo de inversións que se fixeron e que eran boas para a vila. Só hai que ver o campo de fútbol ou as instalacións do polideportivo. Aquí fálase seguido de facer plans, pero o diario hai que resolvelo. Aí doulle a razón a un alcalde que estivo moitos anos, como foi Alejandro Rodríguez de Vimianzo, que el dicía que os da Costa da Morte somos os máis planificados, pero somos os que menos obras temos.

-Que destaca do seu programa?

-É un pouco manter o que tiñamos prometido no 2015. É certo que os programas moitas veces son declaracións de intencións. Pero todos os que fixemos nós foron concienciudos e, ao mesmo tempo, xa pensando en que eran realizables neses catro anos. É recuperar aquelas iniciativas que non se executaron e resolver os problemas de abandono nos que deixou este goberno o Concello.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor, se se aplica ben
  • Aborto: É unha cuestión moral
  • Investigados nas listas: Eu fun e ao final quedou todo arquivado porque era un globo
  • Traslado de restos de Franco: Nin me molesta onde estaban, nin me vai molestar onde os poñan
  • Referendo Cataluña: A lei non o permite
  • Acollida refuxiados: Hai que regulala. É un tema complicado
  • Eutanasia: Tamén é un tema moral
  • Cambio lei violencia xénero: O problema é como se aplican
  • Prohibición fumar praias e piscinas: Máis favorable a que se eduque
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor, sempre e cando o tipo de vía o recomende

Preferencias

  • A que hora se ergue? Esperto ás seis puntualmente
  • Que almorza? Un café e un anaco de pan
  • Prato preferido: O caldo
  • Que non comería? Non o sei
  • Bebida preferida: O viño
  • Equipo de fútbol: O Fisterra e o Madrid
  • Que coche ten? Un Peugeot
  • Unha afección: Máis ben unha obsesión, a historia de Fisterra
  • Un lugar: Castromiñán
  • Que tarefas de fogar realiza? Un pouco de todo

Artes e letras

  • Escritor favorito: Non, todos teñen obras mellores e peores
  • Último libro que leu: Non me acordo do nome, pero é de protocolos notariais de protesta do mar do século XVIII
  • Última película que viu: Non vexo case cine
  • Un artista: Spencer Tracy
  • Un actor: Spencer Tracy
  • Unha actriz: Catherine Herwood
  • Un cantante: Depende do día
  • Tipo de música: Absolutamente de todo
  • Deporte que practica: Moi pouco, cinta de vez en cando
  • Unha viaxe pendente: Grecia ou Marrocos

A lista

1. José Manuel Traba Fernández

2. Santiago Insua Esmorís-Recamán

3. Daniel Juan Benlloch Rivas

4. Jenifer Suárez Silva

5. Leonor Castrege Fernández

6. Luis Manuel Insua Lago

7. Manuel Canosa Trillo

8. Rocío González Suárez

9. Loreto Lago Traba

10. Remedios Romero Ferrío

11. Carlos Agustín Benlloch López

Suplentes: Silvia I. Lestón Nemiña, Victoria Santamaría Vázquez, Miguel López Insua y José C. Martínez Pombo