Jesús Picallo: «O nome de Fisterra é o que vende»

O empresario Jesús Picallo, responsable do emblemático hotel O Semáforo de Fisterra, destaca o bo comezo da tempada no litoral


carballo / la voz

Jesús Picallo é o responsable do emblemático hotel O Semáforo no cabo fisterrán e presidente da asociación de empresarios Camiño do Solpor, que reúne a máis de 140 profesionais relacionados con diversos aspectos e servizos para os que fan as rutas a Santiago de Compostela e a súa prolongación a Fisterra e Muxía

-Como se prevé a tempada?

-Este ano, despois dunha Semana Santa de récord en asistencia de turistas, a tempada turística comezou moi ben e agora estamos coa mellor época do Camiño. Penso que imos ver o traballo que fixemos todo o ano e a promoción nas feiras de Londres, Berlín e Porto.

-Ese traballo foi dirixido a algún tipo concreto de visitantes?

-Tentamos poñer de manifesto as nosas fortalezas. O noso é un Camiño bonito, tranquilo, que é o que demanda o público alemán, por exemplo. Queren que invite á meditación, fermosas paisaxes, boa gastronomía e prezos baixos.

-É o alemán o peregrino máis frecuente na zona?

-Non só o alemán, tamén o inglés e o italiano.

-Cal é o motivo?

-Os vos directos que temos nos nosos aeroportos, pero está medrando o número de portugueses e hai que ter en conta que o aeroporto de Porto é case galego. Cada vez son máis os visitantes de Canadá e Estados Unidos que veñen e é polos enlaces transoceánicos.

-Que ofrece a zona?

-Temos un turismo rural de calidade, hoteis moi bos e en tema de restauración hai establecementos moi importantes e coñecidos. Somos un destino gastronómico fundamental, tamén debido a iniciativas como Mar Galaica ou as certificacións de K0. Os nosos albergues son dos mellores e moitos, a maior parte deles, teñen o certificado Q de Calidade. Ademais, o peregrino ten moita oferta lúdica, como as viaxes en barco á posta de sol ou a fervenza do Xallas, que é unha das cousas máis visitadas despois de Fisterra e Muxía.

-Cre que é boa a rivalidade entre esas días localidades?

-É unha rivalidade histórica, pero eu creo que están condenadas a entenderse. O nome de Fisterra é o que vende e toda a Costa da Morte sae beneficiada. Agora tamén Carnota, porque a xente de fóra coñece Fisterra, vén e despois percorre toda a zona. Nós somos a asociación dos distintos camiños de Santiago e de Fisterra e Muxía.

-Que traballo fan neste senso?

-Tentamos que os peregrinos poidan escapar do asfalto e vaian máis polo monte. A nosa asociación fixo unha variante en Negreira a carón dun río, con sendeiros de madeira. Aínda quedan tramos de asfalto, pero o máis importante é conseguir un Camiño protexido. Demandamos da Administración que instale desfibriladores no faro de Fisterra, en Muxía e no Ézaro. Hai que ter en conta que se xunta moita xente e hai que mellorar a atención sanitaria.

-Aumentou o número de peregrinos?

-A Semana Santa empalmou este ano co goteo de peregrinos. Non temos datos aínda das Muxianas e as Fisterranas, tampouco as credenciais que dá Solpor, que é a única gratuíta e que mandamos a todo o mundo. Ademais, puxemos en marcha unha páxina web que globaliza o noso traballo.

-E todo iso faino a asociación.

-Si. En moitos lugares se considera modélica pola enorme oferta que ten, por poñer de acordo ao un taxista cun fontaneiro e co dono do albergue. O Camiño xera negocio para todos, tamén para xestorías e mesmo avogados. Todo o podes atopar no mesmo territorio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Jesús Picallo: «O nome de Fisterra é o que vende»