«Cela quedou impresionado despois de pasar a Semana Santa en Fisterra»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Eutropio Rodríguez

Iván Rodríguez, bibliotecario da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, licenciado en Xeografía e Historia e especialista en Biblioteconomía e Arquivística, dará mañá unha conferencia sobre o autor e a súa estreita relación coa comarca

11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Rodríguez (Santiago, 1970) é o bibliotecario da Fundación Pública Galega Camilo José Cela. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Biblioteconomía e Arquivística, ofrecerá mañá unha conferencia no hotel Bela Fisterra sobre a relación de Cela coa Costa da Morte e de que xeito se plasmou na súa novela Madera de Boj. A actividade está prevista para as cinco da tarde.

-Cela mantivo sempre unha estreita relación con Galicia.

-Cela, que naceu e pasou os seus primeiros anos en Iria Flavia [Padrón], tivo unha volta ás súas orixes, e nos anos 80 quixo poñer en marcha a súa fundación na súa localidade natal. Unha vez fundada, rematou tamén un proxecto que tiña dende os anos 40, que era dedicarlle tres novelas a Galicia (Mazurca para dos muertos, La rosa -que non é exactamente unha novela- e Madera de Boj), aínda que, finalmente serían catro, con La cruz de San Andrés.

No ano 1983 sae no programa Estudio Abierto, que presentaba José María Íñigo, e pregúntanlle se ten un epitafio escrito, pero el responde que non, posto que lle gustaría ser incinerado e que aventasen as súas cinzas no mar de Fisterra. Así, dende o Concello convidárono a pasar alí a Semana Santa. El quedou impresionado e pediu que lle buscaran sitio para veranear en Fisterra.

-Finalmente as súas cinzas acabaron en Fisterra?

-Non, despois cambiou [ri], en realidade está enterrado aquí en Iria Flavia, xunto á Fundación. Eran vontades que el ía soltando.

-Visitou Fisterra asiduamente ata o ano 1989, entón parou.

-Así é, e documentouse moitísimo nese tempo. No ano 1988 operárono de moita urxencia e pensou que ía morrer, e no 1989 pasáronlle dúas cousas: levou o Premio Nobel de Literatura e deixou á súa primeira muller, que era coa que veraneaba en Fisterra. Foi un cambio radical: hai un Cela antes do 89 e un Cela posterior.

No 1998 inauguraron un pequeno monumento na Langosteira e, nove anos despois de deixar de veranear en Fisterra, algo debeu sentir, porque as primeiras páxinas de Madera de Boj están datadas apenas uns días despois.

-É, entón, das súas últimas pezas.

-Non é o seu derradeiro libro, pero si a última novela. O seu último proxecto importante.

-Tremendamente innovador.

-Non é un libro fácil, precisamente, é moi complicado. Sempre experimentaba moito coa novela, e en Madera de Boj levou a experimentación a un grao superior. Non goza de moita popularidade por isto. Iso si, pese a estar escrita en castelán (tiña moita pena por non saber escribir ben en galego, aínda que o falaba coloquialmente), é unha novela galega, chea de cultura, historia, antropoloxía e lendas da comarca. Mesmo fala de aspectos lingüísticos como o «pesco». Madera de Boj non é unha novela sobre a Costa da Morte, é a Costa da Morte. É unha enciclopedia, un saber absoluto.

-Documentouse, sobre todo, con certas persoas de Fisterra que o acompañaron sempre.

-Asi foi: Benjamín Trillo, Paco de Ramón y Ballesteros, Juan Velay (que era patrón de pesca e foi quen máis lle ensinou sobre o mar), Valentín Cambeiro...

-Aínda pasando nove anos, logrou facer un retrato bastante exacto da sociedade fisterrá.

-El tiña unha memoria extraordinaria. A imaxe que el proxectaba ao exterior pouco tiña que ver coa súa vida real, que se baseaba no traballo, na soidade, e no encerro durante horas. Todo lle valía, de feito temos aquí moitísimas coleccións de todo tipo: unha biblioteca de máis de mil exemplares, unha pinacoteca de máis de dúas mil obras, coleccións de orinais, cromos, discos... A de Camilo José Cela está considerada a fundación dun escritor máis rica en fondos do mundo.

Destacar tamén que, pese a non escribir en galego, Cela foi un escritor galego, que velou pola nosa cultura e deixou todo o seu legado en Iria Flavia, ca condición de que nunca saíra de aquí.