Un alumno do Mar de Fóra de Fisterra gaña o certame Contos de Nadal de La Voz

O segundo e o terceiro posto vanse para o Xesús San Luís Romero e o Manuela Rial


Carballo / La voz

Alberto Pérez Martínez, alumno do colexio Mar de Fóra de Fisterra, é o autor do texto A noite máis longa, merecedor do primeiro premio do certame Contos de Nadal de La Voz de Galicia e Radio Voz. Logo da deliberación do xurado, integrado por José Antonio Andrade, Xosé Ameixeiras, Verónica Couto e Patricia Blanco, o seu traballo foi seleccionado entre os 253 que se fixeron chegar dende catorce centros de toda a Costa da Morte. Bateuse nesta 15.ª edición do concurso o récord de relatos.

Un avó mariñeiro e unha espera nunha noite especial son os protagonistas do conto de Alberto Pérez. Quedou en segundo lugar O abeto, un texto de Isaac González Silva, estudante no colexio carballés Xesús San Luís Romero. O terceiro posto mereceuno Gaizka Lago Elorza, do plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee, por Unha noiteboa marabillosa. Este ano de récord de creacións literarias vén a ser tamén un dos que máis variedade alberga no resultado final, en tanto que seis colexios da Costa da Morte lograron quedar cos seus textos no podio final do certame.

Luana Fondo, alumna do colexio Labarta Pose de Baio, mereceu o cuarto premio por A maxia do Nadal. Dende o Xosé Pichel de Coristanco escribiu Elea Martínez Rodríguez -quinto premio- Branquiño e a árbore de Nadal. Tamén do Xesús San Luís Romero chegou O trasno do Rei Mago, de Anxo Andrade, logrando o sexto premio. Irá o sétimo para o Canosa-Rus de Coristanco, sendo merecedor del Clara Pereira, polo texto Quen creou o Nadal?. O oitavo viaxará de novo ao San Luís Romero, para A viaxe, de Ainara Cebral. O noveno, ao Canosa Rus, para Nuria Pena, por O regalo de mamá. A lista péchase de novo no Mar de Fóra, con Mencía Moure e A viaxe a Laponia.

A entrega de premios será o sábado 15, no dolmen de Dombate, en Cabana

A entrega dos premios do certame Contos de Nadal devén sempre unha festa do talento literario e da creatividade, do ánimo a escribir para os máis novos. A cerimonia está prevista para o vindeiro sábado, 15 de decembro, no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Comezará ás 12.00 horas, e animarán o encontro, entre outros, Tamara Lema, Yago Espasandín e Eloy Mato. Serán os dez rapaces galardoados os protagonistas desta 15.ª edición do certame, organizada de novo co patrocinio de EDP Renewables a través da Fundación EDP.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un alumno do Mar de Fóra de Fisterra gaña o certame Contos de Nadal de La Voz