A pegada do cardeal Tavera en Fisterra

manuel canosa trillo

FISTERRA

O eclesiástico zamorano era o arcebispo na data de construción da capela

01 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa dende neno, como a maioría da xente, dedicábame nalgúns intres da misa a mirar para o teito, actividade que se incrementou co paso dos anos. Así foi como me chamou a atención un pequeno escudo que podemos atopar na bóveda da capela do Rosario, coñecida polos fisterráns como a capela do Carme, por albergar unha das nosas imaxes máis queridas e veneradas.

Comecei a interesarme pola orixe dese escudo, lendo varios traballos e teorías, algunhas tan peregrinas como a atribución da construción da igrexa ós templarios, outras máis cribles leváronme a deducir que se trataba do escudo dos Romero. Finalmente cheguei á conclusión definitiva de que se trataba do escudo do Cardeal Tavera, arcebispo de Santiago de Compostela na data de construción da capela.

Juan Pardo de Tavera nace en Toro (Zamora) un 16 de maio de 1472 e falece en Valladolid o día 1 de agosto de 1545 en posesión da cadeira arcebispal primada de Toledo.

Moi influínte

É considerado un dos homes más influentes do seu tempo debido ós diferentes cargos de responsabilidade adquiridos ó longo da súa vida. O emperador Carlos V e o seu fillo Felipe II amosáronlle sempre unha alta estima, xa que cando o primeiro dos monarcas coñeceu a nova do seu falecemento exclamou: «Se ha muerto un viejecito que me tenía sosegados los Reinos de España con su báculo» (según se recolle en El cardenal Tavera, asesor político de Carlos V, de Ramón Paz y Remolar).

Tavera inicia os seus estudos en leis e teoloxía na Universidade de Salamanca, onde chegaría a desempeñar o cargo de reitor, pero non é ata 1505 cando empeza a desenrolar a súa carreira eclesiástica baixo a protección do seu tío o arcebispo de Sevilla Diego de Deza que o nomea cóengo. Dende os seus inicios amosou unha gran capacidade na carreira eclesiástica o que o levou a desempeñar cargos de alta responsabilidade coma o bispado de Ciudad Rodrigo (1514-1523), bispado de Osma (1523-1524), arcebispado de Santiago de Compostela (1524-1534) e o arcebispado primado Toledo (1534-1545).

O 22 de febreiro de 1531 o Papa Clemente VII outórgalle a dignidade cardealicia co título de San Juan ante Portam Latinam. En decembro de 1539 accede ó cargo de Inquisidor Xeral no que a súa etapa inicial caracterizarase polo endurecemento da persecución dos libros da doutrina luterana.

Escudo en Santa María das Areas

O inicio da construción da igrexa parroquial de Santa María das Areas asúmese no ano 1199, a partir dun documento conservado no Arquivo da Catedral de Santiago que fai relación ó testamento de Dona Urraca Fernández, filla do conde D. Fernando Pérez de Traba onde se pode ler: «… Ad opus ecclesie Ste. Marie de finibus terre XXX».

Dende o inicio da súa construción ata a data actual, Santa María das Areas ten sufrido numerosas modificacións. Da capela do Rosario, de estilo prateresco, aínda se conserva no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago o orixinal e unha copia da Escritura de fundación e institución de la Capilla de Nuestra Sra. del Rosario colocada en la Yglesia Parrochial de la Villa de Finisterre, la cual dotó y Fundó Maria Blanca Biuda que finco de Fernando de Mallo (Almallo, en realidade), mercader, año 1534» (dato recollido na Gran Enciclopedia Gallega).

Son varias as pegadas que atopamos na capela: o escudo de Tavera aparece como cardeal arcebispo de Santiago coroando a bóveda; o outro escudo de armas, o dos Reino, aparece como fidalgos e benfeitores que foron da capela; finalmente atopamos a pegada de César Portela que a pesares de non ser ni clérigo, nin nobre, nin benfeitor, máis ben, receptor de fondos, tamén quixo estampar a súa firma na igrexa.

Descrición do escudo

Sobre o escudo colócase o capelo cardealicio e a cruz patriarcal, flanqueándoo dúas cintas de dez borlas, conforme á súa dignidade eclesiástica. O escudo propiamente devandito é partido, con bordura orlada con sete castelos. O primeiro cuartel presenta tres franxas, mentres que o segundo presenta un aguia espraiada.

En todo este proceso de investigación prestaron a súa axuda José Manuel Traba Fernández e José Manuel Valdomar Senra.