«A nosa aposta é pola unión de todos»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

FISTERRA

A Asociación Turismo Fisterra, presidida por Juan Marcos Traba, organiza as primeiras xornadas de turismo con unha exposición, charlas e unha gala final

06 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Marcos Traba Canosa preside a Asociación Turismo Fisterra, que organiza dende o sábado ata o venres da semana que vén as I Xornadas do Turismo de Fisterra

-¿Que buscan?

-A nosa aposta é pola unión de todos, da xente que está na asociación e dos que se queiran unir para comenzar a facer as cousas que tiñamos previstas: xornadas, cursos formativos..., cousiñas así. Déusenos a ocasión de traer xente interesante como Antón Pombo ou José de la Riera, a exposición dos nobel e o Concello tamén se ofreceu para presentar o plan de turismo para todo o público, así que por nós perfecto. De feito, da outra vez fóra máis técnica para os políticos, a xente das asociacións, do Consello de Turismo... e agora agardamos que sexa algo máis light, de unha horiña ou así accesible para todo o mundo.

-¿Por que é tan difícil facer cousas en conxunto?

-En Fisterra xa houbo varios intentos e esperamos que este sexa o definitivo. Claro que é complicado porque cando se tentan facer actividades tamén posiblemente é cando hai máis traballo. Despois aquí case todo é autoemprego: autónomos ou empresas moi pequeniñas, que, como moito, chegan á decena de traballadores. Pero agora hai bastante xente interesada, en parte porque tamén moita penso que ve o turismo case como a única oportunidade laboral que hai xunto coa pesca ou quizais aínda por enriba, aínda que realmente se complementan as dúas, porque canto máis turismo máis peixe e marisco se vende. Eu creo que a potencialidade é enorme e aínda quedan moitas oportunidades. Por exemplo: apenas había turismo náutico, só un barco e o mergullo e este anos, xa houbo dous ou tres cruceiros, un de levar á xente a pescar... Ao mellor é que nos centramos demasiado na hostalaría e non vemos outras cousas. Por exemplo non hai ningunha lavandaría.