«O que sentín ó cruzar a meta non se pode explicar con palabras»

A vimiancesa Carmen García García, en loita contra un cancro, correu na pedestre de Fisterra para gañarlle á enfermidade


Carballo / La Voz

O Circuíto Correndo pola Costa da Morte chegou o pasado domingo á súa fin. E fíxoo por todo o alto coa participación dunha atleta que se converteu na nova icona de superación desta iniciativa e, por extensión, de todo o deporte da contorna. Ela é Carmen García García, de Vimianzo (1963), aínda que afincada en Cee dende hai moitos anos.

No pasado mes de marzo detectáronlle un cancro no pé esquerdo, véndose obrigada a abandonar o circuíto. Para ela foi un golpe moi duro, xa que esta iniciativa deportiva supono «todo» na súa vida, asegura. Todos os atletas envorcáronse con ela para animala a seguir adiante e confiar en que algún día volvería a correr. E o soño cumpriuse na pasada fin de semana con moito esforzo, apoio e, sobre todo, ilusión. Carmen é todo un exemplo a seguir.

-¿Como se animou a participar na carreira de Fisterra?

-Esa fin de semana funa pasar á Coruña, á casa de miña irmá, e uns amigos dixéronme que o venres había unha carreira de 5 quilómetros; que se quería ir, me acompañaban. Eu contesteilles que era imposible porque non ía ter forzas, pero animáronme a probar xa que lograra volver a camiñar había pouco tempo. E acabei bastante mal, con moito cansazo enriba. Pero, dunha vez que me vin capaz, quixen ir a Fisterra si ou si. Saír e entrar na meta era como un soño. Tiña dúas motivacións: ver a forza que tiña e estar alí con todos eles, porque era a última carreira do circuíto, pero tamén, quizais, a miña última. Nunca sabes se vas poder volver a correr.

-¿E como a viviu?

-Paseino realmente fatal. Xa non polo pé, no que apenas sentín molestia algunha, senón porque non teño fondo e cansábame. Pero en ningún momento parei. Todos os que pasaban ó meu carón berrábanme ‘¡Ánimo Carmen!’. O que sentín ó cruzar a meta non se pode explicar con palabras. Aínda que durara cen anos non me daría tempo de darlle as grazas a todos. Fíxome moita ilusión estar con eles porque son grandísimos, dende a organización ata os compañeiros. Estiveron sempre comigo e aí seguen.

-Imaxino que participou na carreira de 3 quilómetros.

-Para nada; na de 10. É na que dende sempre corrín e, desta vez, non podía ser menos.

-Pero, non foi soa...

-Acompañáronme en todo momento Arturo Rabuñal, Antonio e Outes. Este último, correu durante todo o ano cunha camiseta que poñía ‘Ánimo Carmen’. Coñecinos a raíz do circuíto e estiveron apoiándome en todo momento.

-Non puido participar en todas as carreiras desta iniciativa, pero si que asistiu a moitas como espectadora.

-Si, fose con muletas ou nunha cadeira de rodas. O deporte é xenial, pero o da Costa da Morte... non hai palabras para describilo cunha xente marabillosa.

-¿Como se iniciou no atletismo?

-Sempre practiquei deporte porque cando morreu o meu marido e collín depresión, os médicos recomendáronme facelo. Pero o que me introduciu neste deporte foi o adestrador Javier Bujeiro, de Vimianzo, ó cal tamén lle teño que agradecer todo, porque hai 5 anos levoume correr á primeira carreira do circuíto en Camariñas e eu, que non aguantaba nin 10 minutos, logrei acabala. Díxome que podía facelo e así foi. A partir de aí, seguín sempre co atletismo. Incluso fixen ultratrails de 30 e 40 quilómetros. É algo que me encanta practicar porque chego a casa coa mente nova. A posición na que quede é o de menos. Para min o importante é chegar. Con cruzar a meta xa son máis forte.

-¿E agora, que? O circuíto ata o vindeiro ano non regresa.

-Para min, poder participar na última proba foi toda unha superación. En nada volve comezar, e se teño sorte, ou cando menos estou como nestes momentos, non teño dúbida de que me vou apuntar. Os médicos dixéronme que podía correr e eu vou intentalo, téñoo clarísimo. Mes a mes estou loitando contra o cancro coa forza de todos os compañeiros do circuíto. Non quero que esta enfermidade me free, e non vou parar porque o deporte é a miña vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«O que sentín ó cruzar a meta non se pode explicar con palabras»