«Non corro porque non queira, senón porque son moi competitivo»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

JORGE PARRI

A Fin do Mundo será, tamén, o punto e final do Circuíto Correndo pola Costa da Morte coa disputa da última proba. O técnico de Deportes do Concello, Miguel Olveira, dá todos os detalles

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Michi, Mixi, Miguelón, Migueliño son só algúns dos alcumes ós que responde o técnico de Deportes de Fisterra, Miguel Ángel Olveira Traba (1983), coñecido tamén por xogar no Villa de Cee de fútbol sala ou nos veteranos do Dumbría CF. Con 35 anos é un experto nestes terreos e tamén no Circuíto Correndo pola Costa da Morte, pois formou parte del dende a súa creación e, incluso, moito máis alá con 15 anos de traxectoria no servizo ó Concello. O próximo día 14, a súa terra será novamente o colofón do único circuíto de atletismo existente nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A conta atrás xa botou a andar.

-¿Que espera desa xornada? ¡O gran día!

-Agardamos unha afluencia masiva de participantes e de público, que o tempo acompañe e que sexa unha festa para todos, que é do que se trata, tanto a nivel deportivo como local. O ano pasado inscribíronse preto de 800 persoas, pero finalmente participaron pouco máis de 500. Agora mesmo, andamos sobre 600 inscritos, pero o prazo aínda abriu o pasado día 17. Supoño que chegaremos, de novo, ós 800, pero este ano espero que a participación sexa maior. De andar sobre os 600, xa sería un éxito.

-¿Como o vive vostede?

-Non corro porque non queira, senón porque non teño o tempo ou a capacidade necesarias para dar o nivel que me gustaría, porque eu son moi competitivo en tódolos deportes. Compito a nivel nacional en fútbol sala e, despois, xa máis a modo entre amigos, xogo ó fútbol campo cos veteranos do Dumbría. Tamén fago atletismo, ás veces, e gústame, pero como o fútbol sala me obriga a desprazarme lonxe, non podo prepararme nin ir ás carreiras como quixera.

-Aínda que esta quinta edición do circuíto non rematou, xa lle queda moi pouco. ¿Que valoración fai?

-Nas reunións que celebramos os técnicos cada ano, o que intentamos é mellorar: que a participación non diminúa, senón todo o contrario. E a verdade é que cada vez é máis complicado, porque a xente xa está máis metida no mundo do running. Porén, temos moita participación. En cada carreira, máis xente. E sobre todo amateur e cativos, que é un pouco a participación que se trata de fomentar.

-Debido a eses avances, ¿propóñense realizar algún cambio de cara ó próximo ano?

-A mediados de outubro, os técnicos reunirémonos de novo para facer unha valoración final e, sobre todo, para mirar que se pode mellorar e como seguir fomentando o running e a participación. Pero, como digo eu, as cousas nunca están perfectas, sempre hai algo que mellorar. Hai que facer sempre porque a seguinte edición sexa mellor que a anterior, se cabe.

-En canto ó percorrido da carreira de Fisterra, ¿vai haber cambios respecto ó do ano pasado?

-No 2017, tivemos que modificar o traxecto por unha serie de obras que se estaban realizando naquel momento e a xente quedou moi contenta. Dicían que era menos duro. Entón, imos manter este último. A distancia é un pouco maior, pero o tramado en si é máis dinámico. Todas as saídas se efectuarán dende a lonxa do porto, de interese turístico nacional. E mentres a proba de 10 quilómetros sube ata o Faro e regresa, a de 3 só irá ata a estrada que conduce a el e dará volta.

-Fisterra ten a sona de ser un lugar emblemático. ¿Tamén o será a carreira?

-Búscase que sexa o máis bonita posible para que a súa realización sexa moi amena. Pasa polas praias de Mar de Fora, fai unha subida ó faro pola senda peonil que é espectacular e despois transcorre polo centro do pobo, por lugares como a Praza. Sempre con vistas ó mar, ese é o aliciente desta proba.

-¿Hai moito en xogo para decidir os podios masculinos e femininos absolutos do circuíto?

-Está mal que o diga porque como di o dito ‘nunca se sabe’, pero máis ou menos está a cousa decidida, sobre todo para os gañadores. Onde está a cousa máis axustada é nos segundos e terceiros postos. Será, sen dúbida algunha, unha xornada moi emocionante.

En detalle

Horarios da xornada

1. Tanto os dorsais como os chips (no caso de non posuílos) poderanse recoller nas mesas de inscrición habilitadas na Aula de Pesca de Fisterra a partir das 8.30 e ata 30 minutos antes do inicio de cada proba.

2. A carreira infantil, cadete, xuvenil e absoluta 3K contra o cancro arrancará ás 10.15 dende a lonxa, lugar de saída para todas as probas. A 10K sénior, M40, M50 e adaptada farao ás 11.00. Seguiranlle os benxamíns e alevíns ás 12.25. Os pitufos serán os encargados de pechar o circuíto ás 12.30.

3. A partir das 13.00 horas, procederase á entrega de trofeos. Primeiramente, outorgaranse os premios da propia carreira e, logo, os globais do circuíto.

Percorridos das probas

Todas e cada unha das probas se desenvolven polo núcleo urbano da vila, con saída dende a lonxa.

1. Pitufos (250 metros): Ata a Aula de Pesca.

2. Benxamín e alevín (1.000 metros): Ata o final do espigón.

3. 3K (3.400 metros): Continuación polo paseo da Ribeira, Manuel Lago Pais e estrada do Faro ata as inmediacións de cabanas, onde se procederá a dar a volta.

4. 10K (9.150 metros): Continuación dirección a Federico Ávila, colexio Mar de Fora, rúa Potiña, Camiño da Barcia ata as inmediacións do pavillón municipal, zona de Mar de Fora, baixada polo camiño da Insua, dirección Faro onde se procederá a dar a volta, baixada por Manuel Lago Pais e paseo da Ribeira.

Outros detalles

1. A inscrición pode facerse en www.championchipnorte.com ou en www.correndopolacostadamorte.com ata o luns 8 de outubro cun prezo reducido, e ata o mércores, día 10, coa taxa estándar. Os corredores apuntados ó circuíto deberán de confirmar asistencia á carreira ata o día 8 para poder ter dereito á camiseta conmemorativa, que será branca, coas mangas negras. Onte, había 605 deportistas anotados.

2. A quinta carreira de Fisterra está integrada no sexto Circuíto Provincial de Carreiras Populares Deputación da Coruña, polo que é homologada.

3. Excepto un imprevisto de última hora, Toño Teijido e Rocío Alvite son os gañadores absolutos.