Manuel Lobelos Insua, fisterrán que morreu na Primeira Guerra Mundial

O conflito rematou hai cen anos. Unha das súas vítimas ía nun barco torpedeado polos alemáns


A Primeira Guerra Mundial significou un dos máis cruentos conflitos bélicos da humanidade. Sen chegar a plans de exterminio sistemático de civís como ocorreu na contenda que lle sucedeu, a enorme perda de vidas nesa Gran Guerra foi consecuencia dunha acumulación de inxentes recursos militares e á aplicación masiva das novas tecnoloxías ao servizo dos exércitos como a industria química, a aviación, ou a arma submarina.

Aínda que España non participou na contenda, ao igual que na Segunda Guerra Mundial, a nosa bisbarra foi escenario de varios acontecementos, afortunadamente na meirande parte como testemuñas dos feitos, probablemente como colaboradores nalgúns casos, pero ás veces tamén como vítimas.

Como consecuencia da eficiencia da arma submarina do Reich era relativamente frecuente a chegada de náufragos á nosa costa, ben polos seus propios medios, ou recollidos por pesqueiros ou mercantes, ou traídos polos mesmos alemáns.

Así ocorreu o 19 de decembro de 1916 na vila de Fisterra, cando os veciños se volcaron en atender e aloxar nas súas humildes casas aos 63 tripulantes de varios cargueiros que eran conducidos pola tripulación do submarino U-46 a bordo do mercante Gerda que tiñan secuestrado.

Ese mesmo día houbo que aloxar a outros 24 mariñeiros do Falk, afundido polo mesmo sumerxible á vista dos veciños. Feitos que se repetiron un mes despois, o 28 de xaneiro de 1917, cando o Fulton trouxo a medio cento de tripulantes de varios barcos para logo ser dinamitado a sete millas do cabo. Ou os 21 mariñeiros da dotación do norteamericano Actaeon que chegaron de noite a Fisterra tras varios días á valga. Esta actitude de salvagardar a vida dos náufragos e incluso remolcalos a terra auspiciaba adhesións á causa alemá, avaladas por xermanófilos tan influíntes como o cura Miñones e o doutor Desiderio Paz.

Pero non todos tiveron tanta sorte, pois os U-boats mudaron a súa conduta de respecto ás Normas de Captura e entón foron moitos os mariñeiros civís que morreron, entre eles algúns dos nosos conveciños, como o caso do fisterrán Manuel Lobelos Insua, vítima da Primeira Guerra Mundial.

Manuel Lobelos Insua naceu en 1872 e viviu na rúa da Marina cos seus pais Santiago e Ramona e os seus irmáns Laura, Dolores e Ramón, e como era costume empezou xa de neno a andar ao mar. Casou coa súa veciña María Fernández Canosa, e tiveron unha filla á que chamaron María.

O seu pai e a súa irmá Dolores, con 13 anos, emigraron a Bos Aires en outubro de 1898, e todo indica que nesa mesma viaxe tamén ían Manuel, a súa muller e a súa filla María, de dous anos, como tantos outros fisterráns.

Tiveron outro fillo, Manuel Lobelos Fernández, e pronto quedaron orfos de nai; e Manuel volveu a casar cunha fisterrá: Dolores Blanco Canosa, coa que tivo dous fillos, José e Ramón e viviron na rúa Arasolis. Ata aquí a historia persoal común a calquera fisterrán deses anos, e as condicións laborais no mundo da pesca fixeron que Manuel Lobelos se embarcara na mariña mercante, no cargueiro matrícula de Bilbao Ramón de Larrinaga, de 3.058 toneladas. Un barco bastante grande na flota nacional que se dedicou ao transporte de mercadorías entre Santander, Bilbao e Liverpool e os portos da costa leste dos Estados Unidos.

Cunha tripulación de 34 homes, dos que 14 eran galegos, saíu de Nova York o 30 de xuño de 1918 con 14.819 barrís de petróleo. Por mor da guerra en Europa, e tratándose dun buque dun país neutral navegaba cos costados pintados cunha grande bandeira de España e o nome do barco, aos que alumeaba de noite con grandes focos para que foran visibles.

A 180 millas da casa

Tras 12 días de tranquila navegación e cando estaban a só 180 millas de Fisterra, ás dúas da madrugada sentiron unha explosión dun torpedo lanzado polo submarino alemán U-92 do comandante Günther Ehrlich, a pesares de que o barco ía perfectamente identificado. A carga de petróleo e o lume desataron o pánico na dotación, mentres o submarino disparaba o seu canón contra o buque, e os tripulantes subíronse aos botes. Un deles era un moderno bote salvavidas pechado, mercado recentemente, que chamaban bote-ovo onde foron rescatados os seus 26 ocupantes polo patrulleiro francés Suiger, tras catro días de penurias no océano. Os oito mariñeiros restantes non tiveron tanta sorte: algúns caeron ao mar dun bote motor que envorcou cando o estaban arriando, e outros tiráronse pola borda sen salvavidas.

Segundo declarou o primeiro oficial estes mariñeiros estiveron unha media hora na auga tratando de ser rescatados polo bote e mesmo polo submarino. Sen embargo, nos informes chegados ao Consello de Ministros o segundo oficial contradicíao, pois «el submarino vio la bandera española y después de haber lanzado el primer torpedo, se dedicó a matar o cazar a los náufragos que le pedían vida», o que causou un serio malestar no Goberno español e o anuncio de represalias ao Goberno alemán, ameazando con resarcirse cos barcos deste país que estaban internados en portos españois, chegándose a un acordo de incautar temporalmente seis destes.

Indemnización

A compañía armadora indemnizou aos familiares do fisterrán Manuel Lobelos Insua coa cantidade de 10.000 pesetas, a mesma cantidade que recibiron os herdeiros de Aurelio Lestón, de Muros, outro membro da dotación que faleceu nas mesmas circunstancias.

O meu agradecemento a José Manuel Valdomar, por aportarme datos que permitiron concretar esta historia esquecida, no ano no que se conmemora o século do fin da guerra. E ademais con tanta distancia xa no tempo que se fai complexo indagar nas fontes, debendo usar o Rexistro Civil municipal, o arquivo histórico diocesán, o censo de 1887 e 1900, a Biblioteca Nacional e CEMLA, a biblioteca especializada na emigración a Arxentina.

«Mentres disparaba contra o buque, os tripulantes subíronse aos botes»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Manuel Lobelos Insua, fisterrán que morreu na Primeira Guerra Mundial