Soneira e Fisterra inauguran a ronda de derbis en Primeira Autonómica

F. Rodríguez / M. López

FISTERRA

Setembro do 2017
Setembro do 2017 JORGE PARRI

Enfróntanse este domingo no Municipal de Vimianzo despois de dúas xornadas inaugurais nada boas para ningún dos dous conxuntos. Os técnicos, Pedro Gómez e Ángel López, analizan o encontro e as potencialidades do rival

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non podemos deixar pasar ocasións como a que tivemos co Lalín»

BASILIO BELLO

Terceira xornada ligueira e primeiro derbi de Primeira Autonómica co enfrontamento, o próximo domingo, do Soneira e o Fisterra. Ocupan os vimianceses o décimo posto na clasificación, cunha vitoria na xornada inicial e unha derrota a pasada fin de semana. O adestrador, Pedro Gómez, analiza o choque ante o Fisterra.

-Complicáronse as cousas ante o Lalín o pasado domingo.

-Pois acabamos de comezar a tempada, viñamos dunha vitoria na casa e na última xornada quizais non estivemos todo o finos que nos gustaría. Na primeira parte tivemos varias ocasións de gol, e non obstante eles adiantáronse na primeira que tiveron antes de chegar ao descanso. Iso fíxonos bastante dano e, xa na segunda parte, non soubemos responder para remontar o partido.

-Hai que ir sumando puntos...

-O que está claro é que temos que saír a competir cada partido coma se fose o último, pese a estar aínda na terceira xornada. Non podemos deixar pasar ocasións coma as do outro día: un partido que era gañable e que dominamos durante todo o encontro. O equipo non pode desanimarse despois de recibir gol. Tamén foi un día de calor, e notouse no aspecto físico, pois a segunda parte fíxosenos longa.

-Como chegan de saúde?

-No último encontro ante o Lalín tiñamos seis ou sete baixas. Para este domingo recuperamos a Aaron, Josiño, Sito... Chegamos só coa baixa de Chapela, que non puido aínda comezar a tempada. Practicamente dispoñemos de todo o cadro para este partido e esperamos a partir de agora coller nivel nos adestramentos.

-Que agardan do Fisterra?

-É un equipo co que xa nos enfrontamos na Copa Deputación, moi potente e con pouco que ver co que era o ano pasado. Volveron varios xogadores que estiveron competindo no Dumbría e que lle van dar un plus ao grupo. Teñen moito potencial. En xeral creo que todos os equipos costeiros de Primeira este ano miraremos máis cara a parte alta da táboa e non pasaremos as penurias sufridas a tempada pasada.

«Tivemos un inicio de competición duro, con equipos moi fortes»

JORGE PARRI

Se o Soneira se mantén na liña das últimas tempadas, o Fisterra vén de sufrir unha fonda renovación non só na bancada, senón tamén no equipo técnico. Un empate e unha derrota deixan ao club no décimo terceiro posto da clasificación, aínda que Ángel López, que toma de novo as rendas do equipo, cre que é cuestión de «ir collendo ritmo».

-Preparándose xa de cara á fin de semana?

-Si, aínda que o número de xogadores adestrando é algo máis reducido, pois moitos rapaces foron estudar para A Coruña.

-Tiveron un pequeno traspés nestas dúas primeiras xornadas.

-O certo é que temos un calendario duro para estes primeiros partidos, cos equipos tecnicamente máis fortes da categoría. E agora espéranos un derbi, que teñen sempre moita intensidade.

-Como valora o Soneira?

-É un club que leva dous ou tres anos moi ben estruturado e que mantén sempre o seu estilo de xogo. Patinou co Lalín, que é un equipo potente, pero os comezos de liga son sempre complicados e calquera partido pode complicarse con lesións, sancións, goles inesperados, decisións arbitrais.... Hai que ir rodando ata coller velocidade de cruceiro.

-Moitas baixas?

-Teremos a do capitán, xa que levou dúas tarxetas amarelas o outro día e ten un partido de sanción. Polo demais, temos a dous xogadores que comezaron a adestrar a semana pasada, como foron Breixo e Coté. Lesións, en principio, chegamos sen ningunha.

-Importante renovación a que sufriu o Fisterra de cara á presente tempada. Moitas caras novas.

-O certo é que si: sete ou oito xogadores novos, adestrador novo e tamén estamos tentando buscar nova forma de xogar.

-Non é a súa primeira vez aos mandos do club...

-Ao Fisterra adestreino por última vez haberá dez anos. Son da vila e xoguei sempre aquí. Nisto de ser adestrador tamén hai que descansar de cando en vez!

-Como volver á casa por Nadal.

-Exactamente! [ri] Agora temos que ir collendo o ritmo.