Os mellores versos para evitar o abandono do rural

Viaxe dos Semescom por Italia | Polo Golfo dos Poetas tamén pasaran Shelley ou Byron. Hoxe, os visitantes son incesantes

.

portovenere / la voz

Unha viaxe é unha oportunidade de mergullarse nun mar de coñecementos. Así é a aula móbil do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) que viaxa a bordo dun autobús da empresa Lázara de Santiago polo norte de Italia. Historia, xeografía, economía, literatura... E a Costa da Morte, permanentemente presente. Nin un fenómeno tan actual como o abandono do rural e o despoboamento desta bisbarra, a razón duns mil habitantes cada ano, é un fenómeno exclusivo do noso tempo. Na viaxe do Semescom púxose de manifesto.

Pepe Carballude, membro da expedición e exprofesor do instituto Alfredo Brañas, contou no camiño de Mantua como o emperador César Augusto lle encargou ao poeta Virxilio unha obra que contribuíse a evitar o abandono dos pobos e poñerlle freo a que toda a xente fuxise para as urbes. O resultado foron As Xeóxicas, nas que o gran literato mantuán cantou ás faenas agrícolas, ós prognósticos do ceo, ao cultivo das árbores froiteiras, á cría de gando, ás pestes dos animais e ao mundo das abellas que, segundo o autor, ben poderían servir de modelo para os seres humanos. Os versos de Virxilio non evitaron o éxodo do campo cara as cidades romanas, pero si deixou para humanidade unha gran obra literaria. En Mantua, lugar de nacenza de Virxilio e escenario do Rigoletto, de Verdi, os viaxeiros do Semescom gozaron das visitas ao Pazo Ducal e outras xoias da arquitectura, sobre todo da románica, coa igrexa circular de San Lourenzo.

Neste percorrido hai moi poucas oportunidades para o descanso. A aula rodante non cesa. En Módena, na rexión Emilia-Romagna, admiraron unha das principais obras do románico do Val do Po, a catedral, cos seus capiteis e relevos únicos, e houbo quen subiu á súa torre inclinada. Aquí, na patria de Pavarotti, ocorre coma noutras cidades visitadas. Cada unha amosa un universo monumental tan rico que ben podería xerar unha sobredose de arte.

Datos históricos e culturais

O presidente do Semescom, Xosé María Lema, vai introducindo cada parada con datos históricos e de interese cultural, pero tamén hai outros aspectos. En Parma destácanse os sistemas de produción agraria. Neste territorio, escenario da película Novecento, ao contrario que na Costa da Morte, o millo xa está seco, listo para segar. En Bergantiños e Soneira está en pleno proceso de crecemento. As chuvias dos meses pasados danlle altura ás plantas, que xa case están chegando aos catro metros nalgunhas leiras. O parmesano non alcanzou tamañas alturas.

O mércores tocou mergullarse nun dos máis grandes fenómenos turísticos mundiais: a visita ao Golfo dos Poetas, lugares frecuentados por creadores ingleses como Shelley e Lord Byron, con percorrido por varios pobos que forman parte das Cinco Terras, un espazo integrado por Riomaggiore, Manarola, Corniglia, Vernazza e Monterosso. Constitúen un parque nacional declarado Patrimonio da Humanidade que, segundo foi explicando a profesora arousana, Xela Cid, sofre tal invasión constante de viaxeiros que se están perdendo totalmente as estruturas sociais e económicas de toda a vida, ao tempo que está producindo unha redución alarmante dos habitantes autóctonos e perda de actividades tradicionais como a produción de viño, a pesca e outros aspectos. Ata o punto de que os locais esixiron reducir o número de excursionistas, sen conseguilo.

Estes pobos, que forman parte do escenario alpino, están colgados das montañas cara o mar, con casas erguidas sobre as rochas como piñas de percebes, viviron á heroica durante a historia, ata que a chegada do tren e das vías rodadas abriulles a vida a unha avalancha turística, que, segundo unha expresión local, «morde e fuxe». Na viaxe en tren a estas vilas déronse momentos de gran comicidade entre a comitiva, que o poeta e profesor Miro Villar, chegou a valorar como unha gran mostra do carácter galego, de non saber se sobe ou se baixa, neste caso, dos vagóns. Houbo unha viaxe en barco dende Montorosso ata Portovenere, un lugar que ben vale o que contan del os versos de Lord Byron, cunha igrexa románica, un pórtico do mesmo estilo que dá ao Mediterráneo, un castelo e unha furna dedicada ao poeta inglés que ben poderían formar un dos conxuntos máis fermosos de todos os visitados.

A Fisterra nos poetas italianos

O poeta e profesor ceense Miro Villar, que tamén forma parte da expedición, aportou á aula móbil do Semescom a conexión da Costa da Morte cos poetas italianos. Como sucede co Fisterra atlántico, as Cinco Terras é un territorio poetizado. Como sucede no caso de Manuel Antonio, o Batallón Literario da Costa da Morte, Eugenio Montale, premio Nobel de 1975, dedicouse á «oscultación do espazo marítimo», dun lugar escabroso, difícil, illado e perigoso como os acantilados do territorio nerio. Rematou recitando poemas como Cara a Finistère e Portovenere.

Poesía moi presente

A poesía está moi presente na viaxe. De feito, Carballude recitou poemas da Eneida de Virxilio, mentres que Rosa García Vilariño, que tamén foi profesora do instituto Alfredo Brañas de Carballo, deu cadra do intercambio da pegada dos creadores italianos nos literatos galegos, e viceversa. Así, contou que O divino sainete de Curros Enríquez ten semellanzas con a A divina comedia, de Dante. Ou como Guido Batteli traduce ao italiano obras de Noriega Varela, Lamas de Carvajal e, incluso, o poema Unha noite na eira do trigo, de Curros Enríquez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Os mellores versos para evitar o abandono do rural