«Non deixo de teimar en volver á Costa da Morte»

«Son varios os recantos especiais desta comarca, sería conflitivo quedarme só con un», sinala a poeta Yolanda Castaño, inmersa nunha completa axenda de festivais poéticos e novos proxectos que axiña verán a luz.


Carballo / La Voz

No momento desta conversa Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) está aínda «recén aterrada» do festival Marpoética, a segunda edición do festival de poesía de Marbella, e a piques de coller rumbo cara Tui para tomar parte en Música no Claustro, unha iniciativa centrada no aspecto musical, aínda que aberta a outras propostas coas que manter diálogo, como é a poesía. Un verán ateigado de citas profesionais nas que recentemente fixo un pequeno oco para amadriñar unha das habitacións literarias do hotel Bela Fisterra.

-Moitos festivais no horizonte.

-Si, para min son moi enriquecedores, e a moitos niveis. Por unha banda, é unha maneira de chegar ao lector, mesmo a aquel que non está moi ao día das últimas novidades, xa que a faceta oral que ten a poesía faina moi consumible e inmediata. Por outra banda, é unha estupenda maneira de probar os teus textos en directo, e tamén de estar en contacto con persoas que comparten as túas mesmas sensibilidades e intereses. Ademais, para min un festival non deixa de ser unha antoloxía viva de poesía: como quen abre un libro.

-A poesía goza tamén dunha vertente moi musical.

-Persoalmente son autora de unhas cantas letras de cancións para xente como Leilía, Rosa Cedrón e outras formacións galegas. Precisamente unha das novidades que teño -aínda que non son moito de desvelar proxectos, porque parece que se gafan- é que están para saír dúas publicacións, e xustamente unha delas é un libro disco en Italia. Os poemas sairán en galego e italiano, e na parte auditiva sairei eu recitando en galego -en italiano non, só faltaba [ri]- con música de Issac Garabatos, o meu músico de sempre. Lingua de l’inchiostro, levará por título.

-¿Qué tal a tratan por Italia?

-Parece que ben [ri], xa teño estado unhas cantas ocasións e é un país que ten unha gran tradición na fusión música e poesía e que recentemente se está comezando a abrir a autores internacionais. O primeiro convidado foi nin máis nin menos que o chileno Raúl Zurita, e o segundo convite veu a nós, así que un gran orgullo. Grazas a isto acudirei o mes que vén a un festival a Pordenone, xunto con Arturo Pérez Reverte e Andrés Barba.

-¿E qué hai da Costa da Morte, estivo algo por aquí?

-Tiven unha primeira ocasión de abrir boca por alí este verán, pero penso recuncar. Síntome coma na casa e nunca deixo de teimar en volver. Este ano, ademais, tiven unha honra moi grande, un privilexio nunca antes soñado, que é que o hotel Bela Fisterra inaugurase comigo a súa habitación Marea Viva, un cuarto que cada medio ano se dedicará a unha voz contemporánea e que estaremos dotando de contido durante este tempo. Penso volver, sen dúbida, e desfrutar a oportunidade de ocupar ese cuarto algúns días máis do verán.

-¿Algún espazo da comarca que ocupe un lugar destacado?

-O Ézaro, a extraordinaria vista dende os miradores de Fisterra, a localidade de Corcubión, Camariñas, o Vilán... Son varios os recantos, sería conflitivo quedarme só con un. Gústame moito facer de anfitrioa de escritores foráneos e facerlles un percorrido pola Costa da Morte, non só en canto a paisaxe, senón tamén en canto á gastronomía, á artesanía e tamén á literatura, claro.

Para cotillas

-¿Praia ou piscina?

-Un hotel con piscina a carón da praia. Cústame moito tomar partido, porque implica renunciar a algo, e iso non o levo moi ben.

-¿Mar ou montaña?

-Son máis de mar.

-¿Chill out ou chiringuito?

-Un chiringuito na costa ártabra, que tamén é chula.

-¿Facebook, Twitter ou Instagram?

-Facebook, é unha rede que me permite máis contido.

-¿Algunha comida?

-Teño unha cea favorita para o verán: tortilla e pemento de Padrón.

-¿Peixe ou marisco?

-No verán, marisco.

-¿Norte ou sur de España?

-Non son moito de turismo nacional: máis ben de turismo galego ou internacional.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Non deixo de teimar en volver á Costa da Morte»