«Metade son fisterrá, metade quedou alí»

A formación De Vacas actuará o sábado na Feira Mariñeira Artesá de Corme. Cóntao Faia Díaz, unha das voces, que ten raíces en Fisterra

.

carballo / la voz

A Feira Mariñeira Artesá de Corme, na súa xornada do sábado (23.00 horas, Praza da Ribeira), será unha das próximas paradas da formación De Vacas, integrada por Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz (voces) e Guillerme Fernández (guitarra). «No caso das catro, a música vai unida ao que somos, en esencia», di Faia (1988). Fala das catro porque as catro son a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia, como se dan en chamar estas vacas que versionan temas ben coñecidos dun xeito especial. Bastante fonda é a relación das tres voces do grupo con esta comarca: Inés ten vencellos familiares en Bergantiños, Paula sempre veraneou en Malpica e a propia Faia criouse en Fisterra, onde viviu os seus primeiros sete anos. Súa nai, Tereixa Novo, era directora do colexio Mar de Fóra. Tamén integrante de Fuxan os Ventos, coma o pai. Na súa casa soaba Xosé Afonso, música galega e outras músicas. Paula foi parte de Cantigas e Agarimos. Inés estudou moitos anos no conservatorio e Guillermo leva guitarra en man dende os oito ou nove anos.

-¿Que recordos conserva desa infancia primeira en Fisterra?

-Moi felices. A vida era plácida e tranquila. Tiven moita relación coa xente do pobo, eu era unha fisterrá máis. Lembro unha vinculación ao mar moi especial e que despois foi un pouco cortada, porque me fun para o outro extremo de Galicia, á montaña de Lugo. Entón deixei de ver o mar e seguín arrastrando toda a miña vida unha certa morriña con respecto a ese mar da Costa da Morte, bravo e especial. É unha vinculación que manteño, porque vou moito. Metade son fisterrá, metade do que teño quedou alí.

-A comarca quere a De Vacas. Xa tiveron estado ben por aquí.

-Na Mostra da Olería de Buño, nas Festiletras do Couto, na Ventana de Laxe nun dos nosos primeiros concertos... Tamén en Fisterra dúas veces, Cee, Baio...

-¿Sorpréndelles a acollida que tivo isto que fai o seu grupo?

-Fas as cousas esperando que a xente reaccione ben e se divirta, pero é moi grato o feedback, máis grande ás veces do que esperas. Iso é unha marabilla. Moitos pobos, ademais, repiten. Rianxo, Burela, en Ourense estivemos catro veces... Hai puntos que nos teñen como medio adoptadas e créase un fenómeno de volver, de xerar vínculo... Á xente gústalle.

-¿Que ten De Vacas?

-Creo que son moitos factores os que inflúen. A nivel músical, á xente gústalle escoitar tres voces ben arranxadas, cunha guitarra. Soa bonito e... soa bonito, ademais, en temas que estamos acostumados a escoitar doutra maneira. Ese choque chama a atención, pero logo está tamén a parte humorística, a través das letras e no propio directo, cos comentarios no medio das cancións ou as historias que imos contando. Engancha porque a xente rise e iso é grato. O público agradéceo.

-¿E que traen a Corme?

-Levamos o espectáculo que estamos facendo este verán, con algúns temas que xa fixemos noutros pasados, pero tamén outros novos, porque sempre estamos buscando novos hits para versionar. Imos con todo o que temos, con todas as ganas de pasalo ben e de enganchar ao público de Corme. Somos unha guitarra e tres voces, pero moito máis.

-¿Que temas están agora conquistando ao seu público?

-Hai un que sorprende moito, que é o Sobreviviré, de Mónica da Laranxeira [evoca a Mónica Naranjo]. Cantámolo con pandeiretas e realmente é un momento álxido do concerto porque despregamos a voz de cantareiras máis tradicionais. Hai outra que tamén nos encanta e que estreamos hai pouco: Son eu, de Marta Sánchez. Dicimos que é unha cantora galega, compositora, con grandes letras, que fai himnos... [ri]. Pois nós cantamos este Son eu cunha letra que vén sendo unha explicación de como vivimos a menstruación. É un tema do que normalmente non se fala, pero do que estaría ben empezar a falar. Temas tabús, pero que están na nosa cotidianidade.

-Vivir da música, daquilo que lles gusta... ¿Como o valoran?

-Por desgraza a maior parte dos músicos e músicas deste país non poden dicir que viven exclusivamente da música. Nós, agora mesmo, estámonos dedicando case en exclusividade a iso, así que é unha sorte e valorámolo como tal. Un soño cumprido porque foron anos de traballo e de formación, de cantar por amor por cantar. Seguimos tendo ese amor, pero tamén dicimos que ten que haber unha profesionalización do sector e, por que non, vivir de algo así. A xente demándao e é necesario facer cultura, facelo en condicións dignas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Metade son fisterrá, metade quedou alí»