Fisterra, extremo occidente do vello mundo

felipe senén lópez

FISTERRA

CESAR QUIAN

«(...)Este confín, a Costa da Morte, é visitado por sabios que se perderon en preguntas na inmensidade do cosmos, como Stephen Hawking, entre tantos outros. Promontorio, antoloxía do panteísmo galego. Asunto ca contado por Benjamín Trillo nun libro exemplar (...)»

17 jun 2018 . Actualizado a las 23:09 h.

Reunirse para a seguinte reunión, velaí un xeito de enredarse e perder o tempo, cando non hai máis que analizar o éxito doutros modelos e adaptalos ás nosas circunstancias. Irlanda, ese confín atlántico que presume, vende e importa o seu celtismo, tamén a Provenza, son modelos propostos na xestión turística, isto é, de promover os recursos naturais e culturais. Aquí seguimos a muiñar sobre o xa inventado.

No Eire é exemplar a xestión dos acantilados de Moher, co seu centro de visitantes camuflado entre a natureza: onde aparcar, facer as necesidades previas e posteriores á visita, onde xantar algo, con todo a aparataxe propicio a todos os públicos e para a interpretación do recurso, onde mercar os souvenirs, informarse nun xeito de museo de sitio... Un gran centro comercial baseado na cultura e onde acollerse e empregar as horas si acosa a chuvia. Na mesma illa céltica, no Ulster, é tamén exemplar o centro de visitantes da Calzada dos Xigantes (The Giant’s Causeway), integrado e integral, respectuoso coa natureza... Na Provenza, entre moitos outros exemplos, preto de Nimes resulta tamén arquetípico o centro de visitantes do romano Pont du Gard, así como o centro de visitantes dos viños de Beaujolais... En fin, e máis hai, un xeito de evitar o chiringuitismo e a chafallada á que parecemos tan propensos, que incentiva o feísmo e remata por afogar a galiña dos ovos de ouro: os recursos culturais e naturais do Tegra, Corrubedo, a Torre de Hércules, Teixido, a praia das Catedrais e, por suposto, o gran e atractivo recurso de Fisterra fanse merecentes dun tratamento similar aos devanditos, a fin de evitar a chapuza, o caos e a perda de tempo, creando postos de traballo...

Un centro de visitantes apartado do propio recurso, que preserve as súas singularidades, situado e que dea vida ao núcleo urbano, onde se atopan, concentran e reparten os visitantes e do que parten sistemas de transporte ecolóxico que permiten o traslado sen mancar a orixe na que radica a orixinalidade do ben cultural.

Nestas liñas acougaremos nun lugar amado, a onde mesmo nos dirixe o instinto occidental, a estremeira, o cabo do mundo... E non é só un cabo cun faro que é berce de historias, lendas e mitos enredados nun labirinto de arqueoloxías, dalgún xeito recollidas en Madera de Boj, última novela e testamento vital do premio Nobel, Camilo José Cela.

Este confín, a Costa da Morte, ademais é visitada por sabios que se perderon en preguntas na inmensidade do cosmos, como Stephen Hawking, entre tantos outros. Promontorio, antoloxía do panteísmo galego. Asunto xa contado por Benjamín Trillo nun libro exemplar, Las huellas de Santiago en la cultura de Finisterre, base para a obra devandita de Cela, con referencias a ese lugar que é o Monte do Facho coa cova do atlante Orcavella, coas as xigantescas pedras abaladoiras ás que se refire na súa viaxe a estes confíns (1745) o Padre Sarmiento, onde o dito de «pasar a pedra» ten significación: así pois Pedras Santas ou antas que recibiron cultos, achantadas en antiquísimos camiños que levan ao eremitorio do monte de San Guillerme, sobre a igrexa de Santa María das Areas. Santuario a carón do vésperus, camiño estelar de Venus, no mar as illas de Lobeira e a serra rosada e nimbada do Monte Pindo. Monte de San Guillerme con peneda arrodeada de megálitos e baixo dela a cova. Eremitorio que preocupou, estudou e publicou San Guillermo y su ermita (1957) o sabio e humanista corcubionés e médico Francisco Esmorís Recamán. Tema e teima recollida por quen me situou na miña profesión de arqueólogo, Manuel Chamoso Lamas, interesado no tema da cristianización destes confíns do mundo, nas comunidades de misioneiros que sobre aras e cultos pagáns ergueron altares e practicaban ritos cristiáns, alí construían as súas tumbas e permitían celebrar festa... A aquel altar, a fin de cumprir o culto fecundativo acudían as parellas infecundas coa ansia de concibir fillo e mesmo seguiu a tradición facendo o amor sobre o sartego do santiño cristianizador...

Un mandado de Chamoso

Neste mítico lugar tiven a sorte de cumprir un mandado de Chamoso nos outonos anos 1976 ao 78, analizar o contexto arqueolóxico do monte, onde Esmorís atopara cerámica da Primeira Idade dos Metais: limpar a gruta, os alicerces do recinto, a fin de analizar as súas posibilidades polo seu interese arqueolóxico, con reutilizacións en tempos castrexos e romanos e máis intensamente arredor do século XIV. Escavar é un problema se logo non hai un programa de vixilancia e mantemento do que se atopa... Mellor mantelo limpo e protexido. Así é que primeiro dar a coñecer, para querer ese orixe noso, onde radica a nosa orixinalidade, o noso aporte á cultura universal e conseguintemente a defendelo... e modelos de xestión haber hainos en mundos maduros.

«Escavar é un problema se logo non hai vixilancia»