«O blues é un estilo de desafogar, terapéutico»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Formación galega xurdida en Boiro, The Lákazans actuará mañá no arranque do Fisterra Blues Experience. Fala Almudena Gómez

14 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Banda nacida en Boiro no 2010, The Lákazans estará presente este ano no festival Fisterra Blues Experience. Con novo traballo, o seu terceiro disco, Sandwina, chegarán mañá á vila (00.15 horas, Praza da Constitución, gratuíto). Fala Almudena Gómez (Vilanova de Arousa, 1990), unha das voces, o segundo membro máis antigo do grupo e, á vez, a máis nova de idade.

-¿Unha pequeniña presentación para quen non os coñeza?

-A familia de The Lákazans está composta por sete persoas. Temos a Aitor na batería, a Trilli na percusión, a Fran Velo no baixo, a Benjamín Vázquez na guitarra, a Figui nas harmónicas e a Sabela King, xunto comigo, como cantantes. Somos uns cantos músicos que se xuntaron para tocar nalgunhas jams e bares polas copas e que ao final decidiron formalizarse e facer un grupo serio, todo o serio que pode ser un grupo que se chama The Lákazans [ri].

-Téñenos cualificado como banda de soul, blues... ¿Como é que se encadran vostedes?

-O que facemos é unha madrama de todo o folclore norteamericano, dende temas que son puramente soul ata outros de estilo funky, ou con tintes de blues, blues tradicional... Temos pezas con aire de country... E todo sempre con esa cor que lle dá a nosa personalidade.

-Encarnan moi ben, logo, o espírito do Fisterra Blues deste ano. Aperturismo a outros estilos. ¿Coñecían o festival? ¿Como recibiron a proposta?

-Calquera proposta que nos permita tocar para a xente sempre é ben acollida. O Fisterra Blues ten pouco tempo, pero coñecíase, porque cando vives, traballas e sentes a música, coñeces todos estas citas. Cando chega o verán chega o momento de mirar o calendario, xa sexa para tocar ou asistir.

-¿Poderán gozar deste?

-¡Pois temos unha fin de semana apretadísima! De Fisterra iremos ao día seguinte, ao mediodía, ao Surfing de Pontevedra. Esa mesma xornada, ao Barco de Valdeorras. A ver se noutra ocasión temos máis marxe.

-¿Que supón «Sandwina»?

-Penso que este terceiro disco reflexa unha evolución do grupo. Andabamos buscando a nosa identidade e pasamos xa un punto: nótase que o noso estilo está máis asentado, todo ten máis unidade, os temas... Á parte de falar do empoderamento da muller, musicalmente teñen ese matiz escuro e pesado, con ritmos e percusións que teñen tela. Á parte da batería introducíronse instrumentos de percusión que podemos chamar «alternativos»: raís de tren, por exemplo, para dar ese toque tribal mesturado con todo o folclore norteamericano.

-«Sandwina» fala dese empoderamento da muller. ¿Que papel pode xogar a música?

-Pode xogar todos os papeis que cada un precise para manifestar as súas opinións, as súas necesidades, os seus anhelos... ¿Que mellor forma para reivindicar algo que usando a música? Falar de que as mulleres poden cumprir un papel independente, forte, con presenza... O respecto aos sentimentos. A música serve para expresar todo iso: valores, desgusto ou, simplemente, contar historias.

-Non é de todo habitual ter dúas voces femininas no grupo.

-Saíu de maneira espontánea. Temos unhas voces e unhas personalidades diferentes e a sensación que nós temos dende dentro é que nos complementamos. Iso nótase e queda un conxunto chulo á hora de interpretar. Dálle máis variedade.

-Oito anos, tres discos... Querían ao comezo tocar en salas como a Capitol. Iso cumpriuse, ¿mais que balance fan? Non é doado, din, vivir da música.

-Non o era, non o é, e máis agora, que se complica con esta lei que non permite tocar [refírese ás salas]. Vánnolo poñer aínda máis difícil. Quizais lle dediquemos un tema a isto, pero cando hai algo que che gusta e che tira, pos da túa parte para levalo a cabo igualmente. Se recapitulamos si vemos que fixemos moitas cousas, pero nós somos máis de pensar no día a día. Imos pisando pouco a pouco, aparecendo onde podemos, intentando chegar a cada vez máis xente. Non nos dedicamos exclusivamente a isto, porque non se pode, e a maioría ten outros proxectos paralelos: Andrea & The Black Cats, Sabela &The Heartbreakers... Eu montei un bar de videoxogos en Vigo...

-¿Que lle parecen iniciativas como o Fisterra Blues, unha aposta pola música e por unha música distinta, ademais?

-Calquera iniciativa que fomente a música e lle permita á xente tocar agradécese moito, sobre todo que se fagan festivais de estilos de música que, supoño, agora mesmo non están de moda, dalgunha maneira, aínda que realmente o blues ou o country son clásicos que nunca se esquecen.

-¿Que é o blues para vostede?

-Para min o blues é un estilo de desafogar. Os seus temas falan dun desamor, de non ter cartos, ai pobre de min... Son temas de laiar, de largar fóra os conflitos que tes no teu pensamento, no teu interior. É coma terapéutico, penso.

-Bo festival, pois.

-¡Si, de uso terapéutico! [ri].