Toba, o lugar da nosa tribo

«(...) E sobre todo Toba é o noso avó. O pau de palleiro da familia, que morreu hai esta semana 18 anos, con case 94. O médico rural amante dos libros e das árbores, o estudoso da historia local (...)», escribe Alba Nogueira


Toba é o lugar da nosa tribo. Os López de Toba. O lugar onde nacín nun parto na casa, cando xa deixaban de ser usuais. O centro do mundo a onde voltamos os netos e netas de Juan López, o médico de Toba, cando menos unha semana no verán, desde Andújar, Milán, México, Manila, Barcelona, Madrid, Vigo e Santiago. Aquí queremos que as nosas fillas e fillos poidan experimentar a liberdade, os xogos, os contos, as comidas por quendas, facer cabanas no monte, camiñar pola Costa da Morte, as pachangas… Desaparecer da vista dos adultos volvendo só cando escoitan un berro: a lavar as mans para comer!

Nove fillos, catorce netos, xa 22 na cuarta xeración.

Toba é o recordo do pan de ovo que se encargaba cando chegaba o San Adrián. Levábaselle unha cesta grande ao panadeiro con ovos, manteiga da casa e volvían á cesta chea das trenzas de pan de ovo con sabor a anís para os almorzos.

Toba son nais facendo ducias de croquetas e bocas esfameadas preguntando «quen renuncia?», para repartir as que quedaban ao final na fonte.

Estorde, Arnela... O Rostro

Toba son partidos de fútbol de maiores e pequenos mesturados, xogados con rivalidade intensa e pasaxeira. É Estorde, Arnela, Langosteira, Mar de Fóra, Gures e, sobre todo, O Rostro. Son osos de arroaces e castiñeiros. Son andainas ao Cemiterio dos Ingleses, ao Monte Branco, polo Anllóns, aos faros. Son os dolmens e os bicos dos montes. É Fisterra e as festas da Xunqueira.

Toba é un mundo rural que xa non está. Millo debullado para as galiñas. Un pote fervendo con comida para as vacas. Mulleres con cestas na cabeza e campás tocando a morto.

Toba son os incendios. Unha, outra e outra vez.

E sobre todo Toba é o noso avó. O pau de palleiro da familia, que morreu hai esta semana dezaoito anos, con case 94. O médico rural amante dos libros e das árbores. O estudoso da historia local que recorreu a comarca falando coa xente, cos cregos, para anotar e lembrar mil e un datos, coa súa memoria enciclopédica. O labrego educado que subiu ás árbores ata ben maior para seguir podándoas e que gastou os aforros en limpar o monte e plantar árbores singulares. O viúvo precoz que decidiu que ese era o seu oco no mundo e que só o deixaba para tomar as augas en Cuntis ou subir animoso a un coche a dar paseos pola contorna. O avó de poucas palabras ao que lle sorriron os ollos grises cando soubo que a súa primeira bisneta, a única que coñeceu, a miña filla, ía ser unha Adriana. Unha nova xeración para os López de San Adrián de Toba.

Toba é o sitio no que cada verán o avó collía no colo ao máis pequeno da familia para quitar unha foto no banco diante da casa que sigue contando como vai medrando a tribo.

Un breve apunte biográfico

Alba Nogueira López naceu en agosto de 1968. É profesora titular de Dereito Administrativo na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago (na que se doutorou no ano 1997), acreditada para o corpo de catedráticos dende outubro de 2010. Fixo estadías de investigación no Colexio Europa de Bruxas, no Instituto del Agua y de las Ciencias Ambientales na Universidade de Alicante, na Universidade de Harvard, no Imperial College de Londres, ou en Bolonia, entre outros. As súas liñas de investigación principal están no Dereito Ambiental, no Administrativo Económico, no Universitario, no Público Autonómico e nos dereitos lingüísticos. Dirixiu e publicou numerosos artigos e monografías, e é membro de varios organismos xurídicos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Toba, o lugar da nosa tribo