«Non pode ter cabida todo, para coller un coche fai falta o carné»

O hostaleiro, un dos impulsores da nova Asociación Sector Turístico Finisterre, cre que só desde a legalidade se pode aspirar á calidade e a defender a marca Fisterra

j. v. l.
carballo / la voz

O hosteleiro Angel Manuel Rivas Santamaría, do Mar de Ardora, é un dos impulsores da Asociación Sector Turístico Finisterre, que aínda está nacendo, pero xa conseguiu pór o dedo na chaga dos negocios ilegais.

-¿Como e por que nace?

-Nace das inquedanzas dun grupo de empresarios. Hai dous anos o Concello creou unha ferramenta que é bastante útil para consultar co sector as acción a seguir, que é o Consello de Turismo, pero ten un percorrido moi corto porque non podemos unificarnos, facer participacións, actividades, porque non é a canle que está prevista. Por iso decidimos xuntarnos para defender un pouquiño o que é o destino Fisterra dentro de CMAT, ou dentro de APTCM ou Solpor, e tamén para mirar os problemas que temos o sector turístico en Fisterra e representarnos ante as entidades que se dedican a promover o turismo dentro do no noso ámbito.

-¿Quen vai formar parte?

-Reunímonos nove locais do pobo, tentando representar nesa directiva todo o espectro que hai: albergues, hostais, restaurantes, hoteis,... Pero, a maiores diso, recollemos nos estatutos dous tipos diferenciados de socios, os directamente relacionados coa hostalería e un segundo grupo ao que lle chamamos socio colaborador, porque entendemos que todas as entidades que están desenrolando actividades dentro do pobo, ben sexa a confraría da Semana Santa, ben sexa os que fan actos culturais como os Rapacollóns, ou o Desembarco Pirata, ou o longueirón,... entendemos que son asociacións que tanto nós os podemos axudar a eles como eles a nós. Polo tanto non nos podemos estar dando as costas.

-¿Cales son os principais problemas que ven no sector?

-O primeiro de todo é que as accións que se tomen deben ser consensuadas polos socios. Dende a directiva só se deron dúas ideas ao principio. Segundo, apoiar ao Concello nas iniciativas que tome e plantexarlle nós a eles. En canto aos problemas, nós nos estatutos deixamos medianamente claro que hai que aportar a documentación dos establecementos. Calquera entende que é a túa licenza de actividade e a túa licenza de turismo. Dende a directiva non se vai denunciar a ninguén. Ese tipo de actuacións serán sempre que nunha asemblea por maioría se decida. Os problemas son múltiples. En Fisterra, como en calquera sitio, non todo vale. Nós cremos que ten que haber un turismo ordenado. Xa o avanzamos en dúas reunións co Concello e o Concello ten que avogar porque o turismo de Fisterra medre ordenadamente. Non sabemos se eles van meter unhas ferramentas que están estudando con equipos xurídicos, como se pode limitar, ordenar,... pero dalgunha maneira temos que pór un punto e aparte e que non todo valla.

«Enchemos a boca con desestacionalizar e en novembro o 80 % está pechado»

-¿Van precisar colaboración do Concello?

-Do Concello, da CMAT, de Solpor, de APTCM e de todas aquelas entidades que xurdan en Fisterra. Non se pode remar só. Podemos ter as nosas diferenzas dentro do pobo, como as hai en todos os sitios, pero o afán é de unir, non é de separar. Eu xa estiven en APTCM cando montamos o CMAT e todo son reticencias. Despois hai que ir vendo pouco a pouco, limar e que todo o mundo vexa nesas accións que vas tomando, que realmente é o que ti estás contando. Non queremos só nacer como unha asociación de defensa do sector, senón tamén para abaratar custes: negociar cunha eléctrica, cunha empresa de gasóleo, bebidas... Facer unha cousa que tamén nos repercuta no peto. Por exemplo, propuxemos actividades para o luns, martes e mércores de Semana Santa, porque os outros días Fisterra xa está chea. Se nos enchemos continuamente a boca con desestacionalizar e despois no mes de novembro e decembro pechan o 80 % dos negocios e non hai actividades que chamen para que ese 20 comece a crecer, pois mal vamos.

-¿Con que ferramentas se combate isto?

-Somos unha asociación que vai ter un ámbito local, pero non cremos nos localismos, evidentemente. Creemos en APTCM e en Solpor e, sobre todo, apoiamos o CMAT. Está desenvolvendo unha ferramenta para facer un plan de turismo. O Concello de Fisterra tamén, polo que temos entendido, díxonos Pepe Marcote que ten en marcha un estudo cunha empresa para ver cales son as necesidades e ata onde pode chegar o turismo en Fisterra. Eles son os que teñen que dicir cal é a orde do turismo na Costa da Morte. Agora é normal que nós en Fisterra tamén teñamos algo que dicir e dirémolo dentro do Consello de Turismo ou ao alcalde directamente, a Pablo en APTCM, a Picallo en Solpor,...

-¿Que se lle pide aos negocios?

-Hoxe, o mínimo que se pode pedir é unha licenza de actividade e un licenza de turismo para entrar nunha asociación. Nós non plantexamos que calquera persoa que poida vir por aí abaixo, coloquialmente falando, meta unha billa de cervexa enriba dunha barra e poida entrar na asociación, independentemente de que o Concello teña unha denuncia contra el e o trámite administrativo se teña que desenvolver. Non podemos darlle cabida a todo. Se queres comezar ben unha asociación entendemos que é con negocios que teñan a súa documentación en regra. Se queres coller un coche tés que ter un carné e se queres abrir un spa pois terás que ter un permiso de Farmacia. Isto é un pouco o mesmo.

-¿Cree que hai un problema con isto na zona?

-Quizais non todos os establecementos teñan toda a documentación que se lle require, unha porque naceron hai moito tempo, pecharon e outra xente colleu a licenza e seguiu con ela e outra porque abriu cunha licenza de café-bar e está dando comidas, ou camas na planta de arriba, por exemplo. Nós nesta asociación se es un bar, es un bar, non podes ter a vinte persoas durmindo en sacos. Iso, por exemplo iría en contra dos nosos socios que teñen albergue. Creariamos un conflito e diríanos o do albergue, «oe, como pode convivir eu dentro da asociación con esta persoa que ten aí os sacos e mete a xente á vontade». Iso nin é bo para a imaxe do turismo de Fisterra, nin é bo para o sector turístico de Fisterra. Outra cousa é que un estea pendente dun permiso de accesibilidade porque se trata dun edificio histórico, ten a documentación presentada e está a espera de que Patrimonio llo acepte. Hai cousas que se poden salvar, pero hai cousas que non son salvables. No resto da comarca entendo que tamén haberá situacións deste tipo, pero iso é cuestión de cada axuntamento. Nós aí non nos podemos meter. Isto é unha asociación privada, quen queira ser socio pode e que non desexe seguir esas normas tamén o ten moi fácil. A nós gustaríanos que todo o mundo se achegase, que nos explicase cal é a súa problemática e tentar solucionala.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non pode ter cabida todo, para coller un coche fai falta o carné»