«Hai maratóns en verán mellor organizados que a Copa da Costa»

F. Rodríguez / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

El preparador Celestino López, Noé, carga duramente contra los coordinadores del fútbol de las ligas comarcales

10 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Celestino López López, Noé (Fisterra, 1977) foi un exemplo como xogador, respectado ao longo dos máis de 700 partidos disputados na súa carreira. Como adestrador transmite esa mesma imaxe de persoa seria, que non se casa con ninguén. E onte, en Radio Voz Bergantiños, volveu a demostrar ese carácter ao criticar con dureza á organización desta 55.ª edición da Copa da Costa.

-Volvemos a ter unha fin de semana con dobre ración de fútbol: liga e Copa da Costa, co que se xogan moitos equipos.

-Non só me pasa a min, teño coñecemento doutros equipos na mesma situación. Organizar un torneo, con tanta solera como a Copa de Costa, coa liga de por medio e os equipos xogándose cousas, convértese nunha competición completamente desvirtuada. No noso caso, o domingo xogámonos practicamente toda a tempada. O sábado, os xuvenís teñen partido de ascenso á liga galega e tamén están os partidos de Copa... Non teño xogadores para competir o sábado e o domingo.

-¿Nin sequera pode tirar de xuvenís?

-As cousas, cando se fan, hai que facelas ben. Unha competición como a Copa da Costa, coa solera que ten, cos seguidores que move, como se vive... Non pode ter esta organización. Hai maratóns de verán que están mellor organizados que a Copa. Aquí todo o mundo está de acordo, pero ninguén di nada. Hai que deixarse de menudeces e resolver os verdadeiros problemas que temos no fútbol da Costa. Comprendo que o Dumbría non queira participar, ou que outro, na volta, non se presente ou fágoo con sete u oito xogadores, como nós o outro día co Porteño. É unha competición a dobre partido cando te xogas cousas na liga, sobre todo se no partido da ida quedou a eliminatoria resolta. Isto é o fútbol modesto, non é a Champions League, nin equipos profesionais. Existen fórmulas, e non serei eu quen as diga.

-Como facer eliminatorias a partido único.

-Aquí todo o mundo fala coa boca pequena, pero o que non é normal é que vaiamos o xogar contra o Porteño e non haxa xuíces de liña; e no partido de volta haxa xuíces de liña. Eu pregunto por que, e o que me din é que o Fisterra é de Primeira Autonómica e o Porteño, de Terceira Autonómica. Pero, ¿que cousas son estas? Se estamos xogando a mesma competición. Eses son os problemas que hai que resolver, os reais. Crean unha minisede, pero non para arranxar estes temas do arbitraxe. Esas son as cousas que teñen que resolver nesta sede de Baio, e non tanto paripé e seleccións. O que non pode ser é que O San Lorenzo [de Berdillo], estando a vinte minutos da Coruña, xogue con equipos da comarca do Deza [Lalín].

-¿Como vai facer o sábado?

-Eu teño oito xogadores para este sábado. A este paso voume ter que poñer eu a xogar.

-Bromas aparte, seguro que o faría moi ben. Tampouco hai tanto tempo que colgou as botas.

-É unha mágoa, porque sería máis en plan de protesta porque está claro que non estou para xogar. Non pode ser que un equipo xa non se presente a xogar...Hai miles de fórmulas para resolver os problemas. O da arbitraxe é un escándalo este ano. A min expúlsanme hai un mes por unha protesta. Pois ben, levo catro partidos sancionado de forma consecutiva porque o xuíz de liña de quenda está mirando na grada se eu dou, ou non dou, indicacións. ¿Ti cres que iso é normal no fútbol modesto?

-O pasado ano lembro que nun partido de Terceira un adestrador deu indicacións dende a grada e non pasou nada.

-É máis, un amigo meu adestrador na Terceira División estaba dando indicacións ao lado do banquiño. De feito, nun partido eu estaba dando indicacións dende unha banda e o xuíz de liña non me deixaron entrar no vestiario no descanso porque estaba sancionado. Tiven que dar a charla detrás da grada do Anxo Cortizo de Lalín. Esas son as cousas que deben resolverse nestas minisedes e non saír nas fotos e falar das seleccións sub non sei que. Para iso se crea unha cousa. O fútbol da Costa está ninguneado nas confeccións dos grupos, nas arbitraxes, na confección da Copa...

-Vamos, que o partido estrela entre o Sofán e o Fisterra queda descafeinado polo que vostede conta, sobre todo, cando se xogan a vida contra o Bastavales.

-Despois de 22 años xa poderían resolver este tema da confección a da Copa da Costa. Pero hai máis.

-¿E logo?

-Vou co Fisterra a xogar co Puebla e mandan a un árbitro de Santiago, que estaba falando e chamando polo seu nome aos rivais. Iso non pode ser. Esas son as cousas das que se deben preocupar os delegados, entre comiñas, da Costa. Para min, o sábado non existe e dáme rabia porque o Fisterra é o actual campión de Copa, pero xógome toda a tempada o domingo por iso sairei o sábado co que teña: se teño sete, sete; e se teño oito, oito.