Cruceiros e bandeiras de conveniencia


Na última semana do mes de abril, celebráronse no Ceida, as II Xornadas internacionais de Educación Ambiental. Neste importante foro, Mar de Fábula tivo a oportunidade de presentar a ponencia A industria turística dos cruceiros e o seu impacto no medio mariño.

De maneira progresiva fomos documentando os diferentes aspectos relativos á contaminación orgánica do mar por parte dos cruceiros (con especial referencia ao seu tránsito polo corredor de Fisterra), e ao que dita a Organización Marítima Internacional, con respecto ás descargas das augas residuais dos barcos no mar.

Diante dunha audiencia asombrada pola constatación dunha realidade descoñecida e tan aberrante, Mar de Fábula informou aos presentes que o Convenio Marpol autoriza de maneira legal a esas cidades flotantes a descargar as súas augas residuais sen tratar directamente no mar, sempre que o fagan máis aló de 12 millas da costa.

Despois de varias referencias históricas, chegamos na nosa exposición a unha das claves que explican o éxito desta industria de turismo de masas: as bandeiras de conveniencia que ondean na popa destes buques. ¿E que son, exactamente? Son as bandeiras de Estados diferentes aos dos propietarios dun buque.

As catro compañías de cruceiros máis grandes do mundo -Carnival Corporation, Royal Caribbean, Norwegian Cruise Line e MSC Cruises- que controlan o 85% do sector, enarbolan nos seus cruceiros bandeiras de Estados diferentes aos dos seus propietarios, é dicir, están rexistrados nos rexistros abertos, nas chamadas bandeiras de conveniencia. As tres primeiras navieiras teñen a súa sede en Miami e os seus cruceiros teñen estandartes de Bahamas, Panamá e Bermudas. MSC Cruises, ten a súa sede en Suiza e ten nos seus cruceiros insignia de Panamá.

Panamá, coa frota máis extensa

Deste xeito, e automaticamente, o propietario do barco acóllese ás leis e normativas da Administración do Estado da súa bandeira. Os máis solicitados, os máis populares tenden a ser aqueles que teñen as regulacións de seguridade, traballo e protección ambiental máis laxas e flexibles, con taxas mínimas de rexistro, impostos moi baixos ou inexistentes e a liberdade de contratar man de obra barata. De aí que as bandeiras máis demandadas sexan as de Panamá (ten a flota mercante máis grande do mundo), Bahamas, Bermudas, Liberia, Malta, Chipre, Illas Marshall...

Os tripulantes cóntanse por miles nos cruceiros, todos de diferentes nacionalidades, con dificultades incluso para se entender entre eles e predominando sempre tripulacións do terceiro mundo, contratadas con salarios mínimos, sen ningunha protección laboral e horarios de traballo que rozan a escravitude.

¿E que ocorre coas medidas de protección ambiental? ¿Por que son as compañías propietarias destas cidades flotantes as que deciden o sistema de depuración de augas residuais a instalar a bordo? Porque ningún destes pequenos Estados ten a capacidade nin o interese de impoñer restrición algunha a estas poderosas corporacións, que ditan as súas propias normas. É unha verdadeira aberración, porque a saúde dos océanos non pode estar ao libre albedrío das empresas privadas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cruceiros e bandeiras de conveniencia