Movidas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

23 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ede súpeto ves que xa pasaron vinte anos do fin da movida en Baio, a que tanto nos marcou a tantos, e ademais a varias xeracións. Vinte de que rematou, máis 35 de que empezara. Os donos dos locais poderían escribir un libro de anécdotas; os clientes, mil libros. Aquilo era todo esaxerado, sobre todo durante unha longa época: en xente, no que se gastaba, o que se bebía e o que se fumaba. Cos ollos de hoxe, coas novas normas e a educación que foi chegando, miramos atrás e botamos as mans á cabeza. Rapaces de 14 anos entrando na discoteca e pedindo un Carolans. E despois sacando o pitillo e mirando a pista sen parar, aínda que estivera baleira. Con 16 anos atravesando as estradas con motos trucadas e a lona protectora metida entre os dentes. Coñecer xente de tantos lugares, tan distinta. Os amores ou presuntos amores, e cos desamores o mesmo. Saír, aquela marcha, era case unha actividade extraescolar, de espertar. Tiña razón Jorge Mira ao lembrar que se chegaba o domingo á casa ás 4.00 ou ás 6.00 da mañá e ás 8.00 collías o Finisterre para ir a clase. Hoxe actuaría o Valedor do Pobo, o Defensor do Menor e a Fiscalía, de oficio. Pero daquela, non. Os mundos eran outros, e non é que pasaran vinte anos da movida, é que pasaron vinte anos da vida, que cambiou moito a mellor, con todos os problemas que aínda temos. Pero aínda así é normal botar de menos aquela alegría, despreocupación, optimismo... A xuventude, vaia. Nada novo, xa os poetas gregos describían moito mellor esa melancolía do tempo perdido. Ás veces remanece e dáche na cabeza cando escoitas nunha radio a Modern Talking: You’re my heart/ you’re my soul...