«Son desas persoas de educación cristiá, pero evolución pagana»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Un momento da toma de fotos para a imaxe promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas.
Un momento da toma de fotos para a imaxe promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas. Diego Alonso Freire

A actriz fisterrá Marta Lado retorna a Fisterra por Semana Santa e protagoniza a imaxe da Mostra

25 mar 2018 . Actualizado a las 16:39 h.

Di Marta Lado que un fisterrán non debe perderse a Semana Santa. Xa sexa por devoción relixiosa ou á propia familia, é un tempo que se vive de xeito especial na fin do mundo. A actriz (O Pindo-Fisterra, 1981) volve á casa despois dun par de anos cheos de traballo, e que se prolongan ademais ao longo desta tempada. En outono retornou aos contos, aínda que o humor é para ela algo así como un «estado natural». Na actualidade pisa forte enriba das táboas con Talía Teatro e protagoniza a imaxe promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas.

-Xa terá ganas de ir á casa.

-Si, xa toca. Ademais este ano foi bastante caótico e non puiden ir moito por alí, así que xa teño ganas, ¡para ir á sesión vermú!

-¿É das que participan na celebración ou só das que observan?

-Cando era pequena, tendo só catro anos, participei na representación facendo de anxo. Agora son máis de estar na casa coa familia, e de feito xa hai unha tempada que non me achego ata alí nin como espectadora.

-¿Pode un fisterrán saltarse unha Semana Santa ou é parada obrigada para todos?

-Eu o primeiro ano que ma saltei foi o pasado, e xa non se tomou moi ben! [Rise] Na Semana Santa hai que estar, sexas relixioso ou non o sexas. É un momento da comunidade e hai que estar.

-O ano pasado perderíase a festa por causa de forza maior.

-Pois en realidade funme de vacacións [rise]. Estaba moi cansa e facíanme falta, a verdade.

-O certo é que están sendo un par de anos bastante ocupados.

-Xuntáronse bastantes cousas que se foron encadeando, pero estou moi contenta con iso. Nesta profesión ás veces estás «a tope» e outras non tanto, así que mentres vaian vindo cousas, estarei ben agradecida.

-Botará de menos o feito de gozar dunha certa estabilidade.

-A ver, esa sería a situación desexable claro está, poder facer plans a longo prazo. De todos modos eu recoñezo que son unha persoa bastante caótica e que non estou moi a desgusto na incertidume e no caos. Para tranquilizar á familia igual estaba ben.

-¿Marcou o filme «Sicixia» un punto de inflexión?

-En Sicixia viñamos traballando dende Vilamor practicamente. Foi unha maneira de coñecer o cine dende dentro, xa que participei no proceso de escritura e despois máis tarde nas localizacións. Tamén, ao ser unha rodaxe pequena, puiden estar moito máis cerca do director de fotografía e con xente que me puido ensinar o que é o cine en si.

-A fotografía foi un elemento clave nesta longametraxe.

-Si, pero tamén o son é un protagonista indispensable. Iso é algo que no cine convencional eu creo que non se ve moito. Apóstase pola fotografía e a imaxe, pero o son pasa desapercibido. En Sicixia non sucede iso.

-Dende entón mesmo retornou ao humor, vellos tempos.

-Estaba moi nerviosa porque facía tempo que non andaba por aí. Pero quedei moi contenta, de feito estáseme volvendo a revolver o tema dos contos e do humor outra vez. Tamén pola miña propia personalidade, porque eu son unha persoa que precisa ver o mundo con humor. Gustaríame explorar máis o tema dos contos, non tanto os monólogos, pero si retomar ese aspecto.

-¿En que proxectos está traballando ultimamente?

-Estreamos O servidor de dous amos con Talía Teatro en febreiro e estaremos en varias localidades da zona representándoa. Ademais tamén seguimos por aí con Ubú Rei, a do ano pasado. Tamén estamos traballando coa Aula de Fisterra. Preparamos unha versión de Asamblea de mulleres, no noso caso chamarémoslle Agora mandamos nós! [rise] e agardamos sacala en xuño.

-Moito directo se aveciña.

-De momento si, ¡estamos traballando todo sobre táboas!

A actriz Marta Lado, xunto coa deseñadora do vestido, Sara Lage, e con Raúl Lorenzo, creador do vídeo promocional da Mostra
A actriz Marta Lado, xunto coa deseñadora do vestido, Sara Lage, e con Raúl Lorenzo, creador do vídeo promocional da Mostra Diego Alonso Freire

Para cotillas

¿Semana Santa pagana ou relixiosa? ¡Eu pagana en todo! Semana Santa, Nadal... Eu son máis ben de solsticios que de procesións.

¿Entón iso de gozar dun Domingo de Resurrección...? Resurrección... ¡Eu para iso vou máis ben a Viveiro! Pero hai tempo para todo, cada cousa ten o seu punto. Esta Semana Santa espero percorrer un pouquiño os rechunchos da costa.

¿Entroido ou Semana Santa? Eu entroido, sempre.

¿Gardou algunha vez a vixilia en Cuaresma? Pois supoño que cando era pequena, porque estudei nun colexio bastante relixioso e a miña familia tamén a gardaba. Así que supoño que cando era cativa seguramente a gardase.

¿Algunha vez pillou un santo? Pois si. Antes as mulleres non adoitaban levar os santos así que sendo nenas decidimos facer unha pequena revolución e levar unha santa pequeniña. Houbo de todo, quen estivo a favor e en contra, pero conseguimos que as mulleres comezasen a pillar.

¿É socia dalgunha confraría de Fisterra? Non [rise]. Eu tiven unha educación cristiá, pero unha evolución pagana.

¿Ovos de pascua? Pois o certo é que non.

¿Palilla? Intenteino unha vez, pero cheguei a doce palillos e tívenme que retirar. É un espectáculo para a vista e tamén para o oído, ese son que emiten todas as palilleiras ao unísono.

Visitará a Mostra do Encaixe, parada obrigada esta próxima semana. Por suposto. Seguramente xa o mércores andarei por alí, e irei tamén algún outro día.