Alejandro Finisterre: once anos de silencio

Modesto Fraga

FISTERRA

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte cumpríronse 11 anos do pasamento en Zamora de Alejandro Finisterre (Fisterra, 1919- Zamora, 2007), o poeta, o editor, o inventor, o intelectual, o amigo. Lembro a chamada do xornalista Santiago Garrido comunicándome o fatal desenlace. Aqueles días andabamos un grupo de amigos ultimando co autor de Cantos rodados a súa inminente visita á nosa vila para participar nas xornadas de homenaxe a Cipriano Fernández, alcalde republicano do municipio vilmente asasinado polos fascistas en 1936. Alejandro estaba tremendamente ilusionado coa posibilidade de poder regresar á súa terra natal e saldar aquela amarga experiencia vivida por mor da fallida declaración coma fillo predilecto da localidade. No seu ánimo non se albiscaba o menor atisbo de rancor nin xenreira, só ilusión e gratitude pola nosa iniciativa. Aqueles días falei con el ducias de veces para mantelo informado de todo. Nesta ocasión, tiñamos todo atado e ben atado. Contabamos coa colaboración absoluta do concello, co acordo unánime de todos os grupos para, desta vez si, nomealo fillo predilecto de Fisterra, aproveitando a celebración das xornadas. Tiñamos a confirmación nos actos de grandes figuras da cultura galega, coma o daquela presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, ou escritores de prestixio coma Marilar Aleixandre, Xosé Luís Axeitos, Luís Lamela, Miro Villar ou Xesús Rábade, entre outros. Lamentablemente, a pérfida morte adiantóusenos e todas as ilusións e os nosos esforzos marcharon con Alejandro na barca de Caronte camiño do alén. El, o fisterrán máis universal de todos os tempos, o editor máis influínte do século XX en Latinoamérica, o inventor do futbolín, o defensor a ultranza da causa lexítima da República, o intelectual exiliado e perseguido por medio mundo, o poeta, o fillo do radiotelegrafista da estación do Marconi, o home que decidiu levar consigo durante toda a súa vida, e sempre con orgullo, o nome do seu pobo natal; hoxe, once anos despois de nos deixar, continúa morando no máis absoluto silencio. Maldita desmemoria! Mágoa de clase política!