«O que significan Fisterra e Muxía non está esquecido no fenómeno xacobeo»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

FISTERRA

PACO RODRÍGUEZ

O exconselleiro Xesús Carlos Palmou adianta que no primeiro semestre do ano que vén terán unha reunión na Costa da Morte

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O xurista Xesús Carlos Palmou Lorenzo (Rodeiro, 1949) ocupou diversos cargos de alta responsabilidade institucional e política, como conselleiro de Xustiza por dúas veces nos gobernos de Fraga, foi secretario xeral do Partido Popular de Galicia, ademais de como conselleiro maior do Consello de Contas. Xa afastado da primeira liña política, está agora máis centrado na investigación e a divulgación: presentou a súa tese doutoral, recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla al Mérito en el Servicio de la Abogacía (2010) e, dende hai dous anos, está embarcado, entre outros proxectos, na posta en marcha da Academia Xacobea, da que é presidente.

-¿Onde e cando nace a idea de constituír a academia?

-Nace no 2015 no seo da Orde do Camiño de Santiago onde se me pide a min que organice un centro de estudos. Póñome en marcha e vamos incorporando persoas ata que se chega á constitución do órgano que finalmente promoveu esta academia.

-¿Que camiño levan andado?

-Durante estes dous anos tivemos actos na universidade en Miami, en Barcelona, en Oviedo... e atopamos xa nas distintas universidades persoas para incorporar. Incorporamos xa unha catedrática de Oviedo, outro da Coruña, outro de Santiago e outro de Vigo. Tivemos actos con repercusión mediática, algún incluso coa presenza do presidente da Xunta de Galicia. Nomeamos académicos de honra ao reitor da Universidade de Miami, ao de Santiago... e tamén a Víctor Vázquez Portomeñe como gran impulsor xunto con Fraga do Xacobeo no ano 93. Logo estivemos elaborando xa unha programación, presentamos os estatutos e aprobounos o Consello da Xunta coa a adscrición á Consellería de Cultura. É unha institución non gubernamental, amparada, loxicamente, pola lexislación que regula as academias, pero desvinculada da Administración.

-¿En que situación están nestes momentos?

-Somos nove académicos de número e o outro día tivemos a reunión para nomeamento de presidente, que eu estaba como presidente da xestora e quixeron que continuara un tempo máis xa coa academia constituída e en plena actividade. Agora mesmo temos para convocar o premio de novela Camiño de Santiago, con un patrocinador privado que é Red Eléctrica Española e convocaremos tamén no 2018 o de ensaio sobre o Camiño en todos os seus aspectos e diversas connotacións que ten, como todos aqueles valores que lle son propios como é a solidariedade, a amizade... Xa como cuestión inmediata en xaneiro teremos a sesión solemne inaugural, que seguramente será en Santiago. Logo iremos incorporando académicos ata o máximo de 30, coa idea de que haxa académicos das distintas universidades dos camiños de Santiago. E digo camiños porque cando falas do Camiño de Santiago, parece que só falas do Camiño Francés. Nos falamos dos camiños de Santiago, do fenómeno xacobeo e, loxicamente, aí vai incluído, como non podía ser doutra maneira, o Camiño a Fisterra. Eu, que o fixen dende Saint Jean Pied de Port, cheguei ata Fisterra. Hoteles Meliá pediunos un traballo para a súa revista Meeting Meliá, que saíu o 15 novembro, falamos amplamente dos camiños e, por suposto, do Camiño a Fisterra e da transcendencia que teñen en todo isto Fisterra e Muxía. Non está para nada esquecido no noso labor nin nas institucións o que significan no fenómeno xacobeo. Eu mesmo estiven fai uns meses en Muxía representado á Academia Xacobea e non descartamos ter no primeiro semestre do ano que vén ter unha reunión aí precisamente na Costa da Morte. A nosa sede tiñamos que pola nalgún sitio e puxémola en Santiago porque nos parecía o lugar axeitado. Esa referencia a que é o principio e fin do Camiño, sobre o que teño escrito moito e publicado, vai no sendo de que o descubrimento dos restos do Apóstolo, a chegada a Santiago de Afonso VI de Asturias,... todas estas cousas dalgunha maneira son o comezo do fenómeno xacobeo. É certo que os camiñantes veñen a Santiago, pero tamén é certo que unha gran parte dos que fixemos o Camiño ata Santiago logo continuamos ata Fisterra. Polo tanto está perfectamente integrado dentro das rutas de peregrinación xacobea, sen lugar a ningunha dúbida. É lóxico que estea debidamente sinalizado e promovelo igual que os outros.

«Hai valores do Camiño que temos que incorporar á sociedade actual»

Palmou incide no carácter divulgativo da academia e no poder integrador do fenómeno xacobeo.

-¿Pódese aproveitar mellor a cultura xacobea para gañar visibilidade no mundo?

-Evidentemente. Dende o meu punto de vista a cultura xacobea ten dous aspectos: a posta no mundo da cidade de Santiago e o que significa como elemento de unión en Europa. Infinidade de escritores falaron do Camiño e do seu significado. Todo isto está aí e hoxe é un elemento de europeísmo e de unión. Aí está o recoñecemento que ten por parte da Unesco e do Consello de Europa. Entendo que hai valores que hai que promover e incorporar á sociedade actual nun momento de construción europea: a solidariedade, a amizade que estivo presente ao longo dos séculos, a promoción da literatura... Dende Galicia temos especial interese en estudar, investigar o fenómeno xacobeo, divulgalo e dalo a coñecer. Ese é o noso obxectivo en poucas palabras e o que pretendemos é relacionarnos coas distintas asociacións que xa existen para que vaiamos todos na mesma dirección.

-¿Canto lle debe o Xacobeo a Vázquez Portomeñe?

-É evidente que foi unha figura clave ao lado de Fraga, a quen tampouco hai que esquecer. Foi o gran impulsor no 93 de algo que foi o punto de partida dese relanzamento do Camiño de Santiago que había decaído dende o século XV-XVI e practicamente estaba desaparecido, ata que no século XX, timidamente, a Igrexa comezou a promover as peregrinacións nos anos santos.

-¿Como se conxuga o interese comercial coa esencia do Camiño?

-Por unha banda está o desenvolvemento turístico, no que a Xunta de Galicia e os concellos teñen un labor importante que continuar, pero por outra banda está a incorporación á sociedade de todos os valores presentes no fenómeno xacobeo. Aí é onde nós entendemos que temos un oco, na divulgación.