«Puidemos ver o 'Bayonnaise' nunha das inmersións»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só de surf se nutriron as vacacións estivais de Nerea Barros en Nemiña, senón que as complementou con moitas máis actividades.

-Non só exploraron a superficie, senón tamén os fondos mariños.

-Si, este ano decidímonos a facer un bautismo de buceo con Alicia, de Buceo Finisterre. Fixemos varias inmersións durante cinco días e agora xa temos o Open Water. Coñecer o fondo do mar da miña terra foi todo un descubrimento. Agora ata me da pena comer raia ou centolo, despois de velos no seu hábitat.

-¿Tamén visitaron restos de embarcacións afundidas?

-Pouidemos ver ao Bayonnaise nunha das inmersións, na costa de Fisterra. Foi moi especial porque estás movéndote polo fondo e de repente aparecen as táboas da embarcación por debaixo da area, as áncoras, as bolas dos cañóns... Un barco afundido é como unha cidade, arredor del fórmase toda unha vida submarina.

-¿Realizaron algunha actividade tamén en terra firme?

-Tivemos tamén unhas clases con Brais, un susurrador de cabalos de Leis. Eu sempre fun a hípica, pero nunca me ensinaron a entender un cabalo como o fixo el. Fixemos doma natural cunha corda longa e conseguimos que camiñasen comunicándonos con eles cos nosos movementos e sons.

-Unha relación moi especial.

-Si, moi especial. Estes días estiven traballando cun animal que lle tiña moito medo á auga, porque notaba a inmensidade do mar e se asustaba do ruído das ondas. Pois fómonos metendo pouco a pouco -enchoupeime toda, de feito- e xogaba con el, pataleábamos na auga... Ao cuarto día xa estaba colgada do seu pescozo, dándolle bicos e cunha confianza incrible. Nunca me imaxinaría poder conseguir iso cun animal que, polo xeral, non é nada sumiso.