«Na zona de Fisterra o alzhéimer está completamente abandonado»

v. couto / Á. palmou

FISTERRA

Alexxander

O muxián César Bugallo acaba de ser premiado no congreso da especialidade celebrado na Coruña

20 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

O psicólogo e xerontólogo muxián César Bugallo Carreira tomou parte días atrás na Coruña no congreso das sociedades galega e española de xerontoloxía e xeriatría, no que recibiu un premio á mellor comunicación oral por comprobar a fiabilidade dun test para diagnosticar o deterioro cognitivo. Ademais, está inmerso nos preparativos da posta en marcha da Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Fisterra e Soneira (Afafes).

-¿En que consistiu o estudo?

-O que fixemos é comprobar a fiabilidade dun test, o MoCA test, que é unha proba canadense (Avaliación Cognitiva Montreal) que sirve para detectar os primeiros síntomas de deterioro cognitivo. O que pasa é que está validado a adaptado á poboación canadense e estes tests vense fortemente influenciados por variables socioculturais. Cando medimos temos que saber se o que mide, o mede ben. Iso é que nos propuxemos.

-¿En que medida é importante este traballo?

-É un test de cribado que non serve para realizar un diagnóstico, senón que é como un termómetro cognitivo que serve para detectar aqueles síntomas que recomenden unha primeira avaliación máis exhaustiva, e isto é importante porque se o detectamos nun momento precoz podemos intervir nas fases máis incipientes da enfermidade logrando máis efecto e retrasando o máximo posible a dependencia da persoa e a súa institucionalización. Tamén nos pode valer para que esa persoa saiba canto antes a súa situación e poida programar como quere que sexan xestionados os seus ben e a súa propia vida cando non poda decidir por si mesma.

-¿Como se comproba a fiabilidade do test?

-Pasámosllo a 114 persoas, sobre todo da Costa da Morte, así como outros test, e a partir dunhas análises estatísticas demostramos que era fiable. Agora toca a segunda parte da investigación, que consiste en baremalo. Para iso esperamos contar con 600 ou 700 participantes e ímolo baremar con xente de entre 50 e os 90 e pico anos para saber a puntuación que debería ter unha persoa en condicións normais. Tamén o imos facer por xénero e polo contexto no que vive: se é rural ou urbano.

-¿Que máis se pode facer neste eido?

-Sabemos que estamos nunha ruta correcta e que é algo moi moi necesario, porque agora mesmo non contamos con test finos con puntuacións para detectar o deterioro cognitivo. Eu pertenzo tamén ao grupo de traballo de valoración cognitiva e neuropsicolóxica da Sociedade Galega de Xerontoloxía e neste congreso presentamos un documento de consenso sobre o protocolo de avaliación neuropsicolóxica nos centros de maiores, e o MoCA test para nós é unha ferramenta esencial. Por iso é tan importante telo adaptado e baremado ao noso medio. Tamén sería recomendable que os médicos de cabeceira se familiarizasen con este tipo de test para eles mesmos podemos cribar a aquelas persoas coas que teñen dúbidas.

-¿Como vai a posta en marcha de Afafes?

-Esperamos contar proximamente co local, porque xa o temos apalabrado, pero estamos coas xestións no Concello para obter a licenza. Xa falamos con algúns concellos da zona, pero queremos esperar a ter a infraestrutura para facer un percorrido por todos eles, que saiban onde estamos e ter os medios para atendelos. Na practica comezaremos a traballar como é debido no verán ou despois do verán.

-Hai familias que se senten soas neste proceso da enfermidade.

-Claro. Unha das funcións fundamentais da asociación é poñer en contacto ás persoas nesa situación: non só aos afectados directos, senón tamén ao seu entorno, aos familiares e aos coidadores porque non hai que esquecer que o alzhéimer e outras doenzas son enfermidades que afectan a toda a familia porque unha vez que está diagnosticada unha persoa hai que reestruturar toda a familia. Se ademais é o piar da casa, moito máis aínda. O coidador éo as 24 horas do día e a saturación de estar todos os días coidando fai que eles tamén precisen dun sitio de referencia onde compartir a súas experiencias e demandar solucións á súa problemática porque a verdade é que na nosa zona o tema da terceira idade e sobre todo do alzhéimer está completamente abandonado: non hai centros día de especializados nin con capacidade para atender ás persoas que hai aquí, pero pouco a pouco andarase o camiño e esperamos servir de plataforma para todas esas persoas.