«Dende que empezamos fai tres anos fómonos renovando»

verónica couto

FISTERRA

Ana Garcia

Hoxe, a partir da medianoite, a Traskiband actúa no Boulevard Lounge en Fisterra, con entrada gratuíta

08 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

 O Camiño dos Faros é algo que vai moito máis alá dunha ruta de sendeirismo, e proba diso é que ata conta con unha banda de música, a Traskiband, da que onte nas ondas de Radio Voz Bergantiños falou Ramón Burillo, guitarrista. É unha formación aberta a todos os trasnos. Mañá actúan no Boulevard Lounge en Fisterra Ceccilia Burillo (violonchelo), Ramón Burillo (guitarra) e Raquel Viñuela (voz).

-¿Como definiría a Traskiband?

-É unha banda creada a partir do Camiño dos Faros. Foi na primeira edición, houbo unha trasna que nos acompañaba, Verónica, alemá da Costa da Morte, que un día me dixo :“Ti es músico non? Pois imos tocar aquí algo”. Eu, xunto con Cecilia, que tiña 13 anos daquela (no 2013), e todo empezou así, da forma máis sinxela. Foi un momento moi emocionante. A partir de aí fomos facendo pre-etapas e tocando nas actividades que facíamos o día anterior da etapa e cada ano fomos crecendo. É unha banda un pouco atípica.

-¿Cantos son no grupo? -Realmente variamos moito, a base sempre é guitarra e violonchelo, e fai dous anos acompáñanos Suca, Raquel, que é a cantante. E despois dependendo de onde toquemos incorporase percusión, baixo, colaboracións... É unha banda aberta a todos os trasnos. E isto faina moi especial, imos variando de repertorio, actualmente facemos versións, pero imos variando dependendo do sitio. O noso obxectivo é pasalo ben e ir mellorando.

-Imaxino que o Camiño dos Faros e a natureza neste caso xoga un papel inspirador.

-Si, é un factor inspirador a narices, só hai que vivilo. Ten en conta que no Camiño dos Faros igualase todo, dá igual que sexas pintor, director de banco, albanel... Os que van a camiñar son todos iguais. Todo iso sumado a todo o que temos aquí, na Costa da Morte... Tremendo. A Traskiband é un fillo do Camiño case, imos recheando actividades no día antes, como este sábado que imos ao Museo da Pesca, logo uns pinchos e logo concerto, e ao día seguinte a patear.

-¿Que tipo de música interpretan?

-Agora mesmo estamos facendo versións de pop e rock en inglés. Metallica, Janis Joplin... Todo pasado por un filtro moi acústico. O resultado pode verse a través das distintas redes sociais.

-¿Onde podemos velos?

-Este sábado tocamos no Boulevard Lounge de Fisterra. Case sempre que se faga algún evento da Asociación do Camiño nós imos estar alí. Con estar pendentes do Facebook xa se sabe. Pretendemos este ano tocar un pouquiño máis e incluír temas propios.

-¿Algún obxectivo próximo ademais de seguir gozando?

-Si, a miña intención é cada ano dar un pasiño para diante. Tamén nos gustaría introducir temas propios, que levará máis tempo facelos con máis calma. Pero ir renovando un pouco o repertorio é un obxectivo. Dende que empezamos hai 3 anos fómonos renovando continuamente, un tema cada concerto ou polo menos unha sorpresiña sempre. Imos medrando tamén ao paso do Camiño dos Faros. Eu cando empezamos estaba convencido de que isto ía petar, e xa se vai notando, falta a homologación.