Fisterra

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

01 jul 2016 . Actualizado a las 21:43 h.

Nunha publicación hispana de Estados Unidos, hai xa varios anos, definían a Santiago Fisterra como «un tipo de origen humilde, tímido, buen mozo, valiente y arriesgado. Un buen piloto de lanchas que quiso hacer fortuna de forma rápida en el peligroso mundo del narcotráfico. Pero a veces el que juega con fuego se quema». Case nada! Santiago Fisterra non existe máis ca no libro de Pérez Reverte La reina del sur, e tamén como protagonista na telenovela inspirada nesa obra, ao que lle daba vida a o actor Iván Sánchez. Grazas a este traballo, o nome de Fisterra escoitouse moito por lugares inverosímiles, sobe todo suramericanos, e fíxose moi familiar, aínda que fose asociado a un narco. E non, como pensamos aquí cando lemos Santiago-Fisterra, ao Camiño. A esencia de Galicia quedou, porque o seu alcume na serie é El Gallego.

Algo así debería ser motivo de honra, pero eu sempre tiven as miñas dúbidas, sobre todo dende que vin como o autor de Alatriste se cachondeaba dos paneis de tráfico na A-6 á saída de Madrid. Os de «A Coruña». «¿Y los de A Albacete o A Cuenca?», preguntábase el. Que gracioso. Nunca lle vin moito apego á toponimia oficial, pero para iso tampouco hai que ir a Madrid. Na nosa volta xa temos algúns exemplos.

Curiosamente, resulta que a actriz Olivia Wilde é unha das protagonistas da serie da HBO Vinyl, de Martin Scorsese, na que interpreta a... ¡Devon Fisterra! A muller dun executivo discográfico. ¿Pero como chega ese apelido tamén aí? E máis que haberá, por non falar de cantidade de obra artísticas así bautizadas. Un día haberá que facer unha galería con todos os casos nos que se usou.