O Museo da Pesca / Alexandre Nerium


Museo da Pesca de Fisterra anda, por enfermidade, no pensamento de moita xente. Podemos comparalo cun enfermo agardando a que os doutores lle propoñan un tratamento, pero sen que cheguen a ver claro que tratamento, e mentres o enfermo empeorando. Non me plantexo de que xeito a Confraría de Fisterra, a Asociación Neria, e o Concello deberían chegar a un acordo no tratamento, aínda que si deberían atopar ese tratamento.

A cuestión que me importa é que nun pais tan falto de elementos con capacidade para crear sentimentos colectivos de unidade, para crear sentimentos de apego ao territorio, con forza para tecer confraternidades e construír orgullo do propio, o Museo da Pesca de Fisterra, sendo un elemento moi apropiado para crear todos estes sentimentos, parece condenado a ser unha ilusión que se perda na borraxeira como un pesqueiro á deriva que desaparece no mar. E na Costa da Morte, e en Galiza, precisamos de sentimentos de orgullo, de confraternidade, de formar parte do territorio e de unidade. Pero Alexandre Nerium?. Alexandre Nerium? Quería escribir o Museo da Pesca e o subconsciente traizooume e escribín Alexandre Neirium, ou sexa Manolo. Pero realmente traizooume o subconsciente? Pois non, o meu subconsciente foi fiel á verdade. O Museo da Pesca é Alexandre Nerium, Manolo. Así é, este Museo sen o poeta mariñeiro seguiría sendo un museo, claro, pero xa non tería a forza simbólica que transmite, porque o Museo da Pesca de Fisterra simboliza o espírito de supervivencia das xentes mariñas da Costa da Morte. Alexandre Nerium é un poeta desta costa que foi ao mar, traballou o mar, e segue co pensamento no mar, e a unión das dúas cuestións, poesía e mar, fan del un home exemplar para levar a diante a labor de dignificar o traballo da familia mariñeira que se pretende facer dende este Museo, porque el fala sempre cunha sensibilidade poética sustentada na paixón mariña. Se todos os homes e mulleres que amamos o mar e a Costa da Morte temos no Museo da Pesca un referente do que significa a cultura mariñeira é porque Alexandre Nerium nos fala do seu Museo e nos contaxia o seu amor polo que se conserva no Castelo de San Carlos, lugar físico do Museo, que é o pouso de séculos de duro esforzo de homes e mulleres que arrincaron do mar o xeito de construír a vida deles e das súas familias. E os que temos a costume de viaxar cada certo tempo a Fisterra e achegarnos ao Museo, ao que realmente imos é a pasar un tempo agradable de conversa con Alexandre Neirum, poeta salgado e mariñeiro de fonda sensibilidade.

Agora por el, por Alexandre Nerium, polo noso amigo Manolo, temos que movernos, abrazarnos con forza e facer todo o que nas nosas mans estea, axudando aos doutores para que este Museo siga coas súas portas e xanelas abertas a todos os ventos mariños durante máis anos que os que nos quedan a nós. A pervivencia do espírito da Costa da Morte despende tamén disto. E temos a obriga de ir visitar a o poeta ao seu Museo, aberto, durante moitos anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O Museo da Pesca / Alexandre Nerium