O Museo da Pesca de Fisterra patrimonio único de Galicia

Stephen Cachia TRIBUNA ABERTA

FISTERRA

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En marzo deste ano visitei Galiza co meu pai. Xa visitara esta terra tan fermosa hai máis de doce anos mais esta vez, á parte das visitas habituais a Santiago de Compostela, a súa catedral e os lugares vinculados co apóstolo, tiven a oportunidade de visitar o Museo da Pesca de Fisterra na Costa de Morte.

Escribo estas palabras cunha inmensa tristeza despois de saber que hai plans para pechar este museo durante varios meses ao ano. Digo tristeza porque a impresión que me deixou o museo despois de visitalo foi moi positiva. Para min, un escritor que volveu a Galiza para comprender mellor a súa historia, cultura e antigas artes, o museo foi a parte máis significativa e a máis destacada da miña visita. Grazas ao museo puiden comprender moito mellor o carácter único deste lugar tan emblemático da costa galega. Impactoume en particular a sabedoría e a paixón coas que Alexandre Nerium explica as pezas dentro do museo. Encóntrase moi raramente a un guía tan experto e tan inspirador como o señor Nerium. As experiencias e as anécdotas que me contou déronlle vida ás exposicións. Non teño dúbida de que esta persoa é un tesouro e un custodio único do patrimonio de Galiza.

Sería unha verdadeira perda para a cultura e o prestixio de Galiza, terra de pesca e de antigos costumes, se se pechase o museo durante algúns meses do ano. Todos os que visitan Fisterra non poden comprender ben o significado das tradicións e a cultura do lugar se non acceden ao Museo da Pesca. Polo tanto, prégolles que manteñan o museo aberto durante todo o ano porque só así se pode protexer o patrimonio único de Galiza.