Paseo polo amor e a Costa da Morte

ignacio vilar

FISTERRA

j. m. casal

Ignacio Vilar, director da película «Sicixia», conta os seus percorridos pola comarca

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos anos abeiramos, a miña compañeira e máis eu, á Costa da Morte a pé.

Subimos ao Monte Pindo e desde o cumio da Moa ollamos a inmensidade do Océano. Chegamos á Casa da Xoana; nesa cova imensa escoitamos o zoar do vento atravesando de lado a lado a montaña de granito dos nosos deuses. A mesma cova onde as meigas e bruxas, no solsticio de verán, facían os seus aquelarres.

Bañámonos na praia infinita de Carnota e na Fervenza do Ézaro que, de súpeto, cae dos penedos ao Atlántico. Fomos á poxa da lonxa de Fisterra, falamos coas peixeiras e cos mariñeiros. Escoitamos, cubertos pola borraxeira, a Vaca de Fisterra nos cantís do fin do mundo.

Seguimos a viaxe polo Mar de Fóra e bebemos na fonte que cae ao mar, a mesma na que bebían os castrexos de Castromiñán, o castro máis espectacular de Europa pola marabillosa paisaxe de cantís e mar onde se atopa.

Ao chegar á ría de Lires lembrámonos de Tales de Mileto, o pai da Filosofía grega que nos ensinou a vadear os ríos e alí esperamos a que baixara a marea para cruzar a pé o río do Castro cara á praia de Nemiña.

Subimos polo monte Cachelmo cos percebeiros de Muxía que ían coller percebes aos cantís da Furna da Buserana. Contáronnos a lenda do trobador Buserán e a princesa Florinda que nos días de treboada, co mar batendo na Furna, aínda escoitaban fermosas cántigas de amor e agarimo. Faláronnos do poeta Gonzalo López Abente e lembramos a Rosalía de Castro que que estivo na romaría da Virxe da Barca coa súa amiga Eduarda Pondal e escribiu fermosos versos inspirados nesa experiencia.

Moveron a Pedra de Abalar que nos meteu de cheo no rito de iniciación. A Pedra abalou e escoitamos e sentimos alí o son inmemorial unido ás rochas, á terra e ao mar, a mesma marabilla que escoitaron os nosos devanceiros, antes de que chegaran os romanos coa súa espada e a súa cruz

Abrazamos, nas Torres de Cereixo, o carballo que polos anos xa se transformara nunha carballa. O superior transfórmase en feminino en Galicia. O son das palilleiras de Camariñas levounos pola beira do mar desde o Cabo Vilán ao porto de Santa Mariña. Nesa viaxe colleunos unha impresionante treboada. Non había ningunha casa onde abeirarse. A choiva e a auga das ondas do mar empuxadas polo vento batían en nós. Alí, camiñando pola praia do Trece, entrou de cheo e para sempre a Costa da Morte en min.Coñecemos a Man de Camelle, antes de que chegara o chapapote do Prestige ao seu fogar.

No Esteiro do Río Anllóns ollamos os araos, os corvos mariños, as pardelas cincentas, os paíños. Comemos berberechos e lemos poemas en voz alta do libro Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Na Pedra do Roncudo lembramos a Álvaro Cunqueiro quen no seu libro A Cociña Galega escribiu: «Unha das grandes cousas das costas nosas? por onde anda co vento e as grandes ondas a voz do bardo Pondal, son os percebes? son coma restos dunha poboación estrana dun océano máis antigo». Atopámonos cos percebeiros e as percebeiras que subían polos cantís e mercámoslles un quilo de percebes recén collidos. Cocémolos nunha ola coa auga do mar e na beira dunha praia. Ao comelos sentimos o mar enteiro que entraba dentro de nós e percibimos que os percebes eran os intermediarios necesarios para sentir e comungar moito máis coa imensidade que estabamos a vivir.

Chegamos a Malpica, escoitamos as sereas que pintou Lugrís na Casa do Pescador e viaxamos con el ao corazón do océano na procura da Atlántida perdida.

Levounos o fareiro ás Illas Sisargas e subimos ao faro con el, nunha noite chea de estrelas escoitamos os sons doutros tempos nas mesmas aves mariñas de Pondal: «Quen fora coma elas tan libre!». Percorremos as praias de Razo e Baldaio e camiñamos ata Carballo. Xantamos na taberna O Pescador e collemos o autobús para Santiago.

Esa viaxe foi a semente da historia de ficción da longametraxe que rodamos este inverno pola Costa da Morte e con data provisional de estrea nas salas de cinema o venres 25 de novembro de 2016.

DNI

Ignacio Vilar. Naceu en Petín (Ourense) en 1951. Director de cine, dirixiu Pradolongo e A Esmorga, película esta coa que acadou un notable éxito, tamén fóra de Galicia. Ten unha longa experiencia fílmica en Cataluña, onde tamén estudou. En 1989 gañou o premio Carlos Velo polo guión de Ollo Birollo. Ao seu regreso a Galicia montou a produtora Vía Láctea Filmes, coa que segue.

Que é Sicixia

Do latín syzygia, conxunción, derivado do grego, syzygos- literalmente consortes, emparellados, isto é, que casan, unen ou enganchan. É un fenómeno astronómico de aliñamento de tres astros ou máis corpos celestes do mesmo sistema gravitacional ao longo dunha liña recta. Exemplos de sicixia son o da Lúa e do Sol dende a Terra que produce unha lúa nova ou unha lúa chea.

Facebook: sicixia

Twitter: @sicixiafilme