«Itinerario. Versos dos días sen xeito», de Roberto Traba

Modesto Fraga A LUZ DO FIN DO MUNDO

FISTERRA

09 may 2016 . Actualizado a las 22:47 h.

Coas chuvias e os ventos desta irrecoñecible primavera chega ás miñas mans unha luminosa alfaia en forma de libro, Itinerario. Versos dos días sen xeito, o novo poemario de Roberto Traba Velay. Os que sabemos da arroutada paixón de Roberto pola palabra poética non podemos estar máis orgullosos e felices pois a súa é unha vida forxada arredor das palabras, dos versos e as conversas de todo tipo, un modus vivendi máis ben propio daqueles homes sabios da Ilustración que tanta luz aportaron á nosa sociedade, como é sabido.

Lamentablemente, as miñas obrigas laborais impedíronme poder acompañalo na presentación do libro celebrada en Fisterra, mais os fados da poesía nunca se deteñen e, malia non poder ser in praesentia, si estivemos xuntos -e así seguiremos mentres haxa un lector ou lectora interesado na súa lectura- no pequeno limiar co que saudamos a chegada deste volume que vén engrandecer, aínda máis se cabe, o universo bibliográfico dos habitantes da fisterranía.

Non vou caer na tentación de desvelar aquí, así de boas a primeiras, a singular beleza que posúen os 36 poemas que compoñen este Itinerario lírico co que o poeta nos fai partícipes, de principio a fin, do seu tránsito polas diferentes singraduras vivenciais que vai deixando atrás. Antes ben o contrario. Convídovos a que vos deixedes levar pola maxia da poesía e abrades os ollos e as páxinas do libro coma quen abre as fiestras da casa na procura do arrecendo do novo día, deixándovos aloumiñar polas palabras e pensando, por un intre, que se trata das docísimas raiolas do sol; respirando, en definitiva, o delicado aroma que emana dos poemas coma se a primavera volvese de novo ao seu estado natural e virxinal. Se o facedes, viviredes algo único e irrepetible.