Alejandro Finisterre, nove anos de ausencia

Modesto Fraga A LUZ DO FIN DO MUNDO

FISTERRA

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense nove anos do pasamento en Zamora de Alejandro Finisterre, o grande intelectual, editor e poeta fisterrán que, paradoxos da vida, pasou á historia por ser o creador do futbolín, popular xogo de mesa que o fillo do antigo radiotelegrafista da estación do Marconi patentou en 1937, en plena guerra civil. Como é sabido, será na súa estancia no hospital de Montserrat, a onde foi trasladado tras sufrir un bombardeo que o deixara malferido entre os cascallos no asedio á cidade de Madrid, onde acabará ideando o futbolín. Os seus ollos de salitre, diáfanos e claros, non podían aturar por máis tempo a terrible dor de ver os nenos mutilados pola guerra, e foi así que naceu o futbolín.

Seriamos moi inxustos se non mencionamos aquí a decisiva colaboración do carpinteiro vasco Javier Altuna, tamén refuxiado da guera e quen, coa súa habelencia no manexo da madeira, foi clave para acabar plasmando con éxito un dos máis enxeñosos inventos do século XX.

En 1948, refuxiado en París, Alejandro descobre atónito que o seu xogo está totalmente popularizado, e inicia unha particular guerra de patentes na procura de obter o que por xustiza considera que lle corresponde: a paternidade do futbolín. Mais non será ata a década dos anos cincuenta cando, na compaña dos seus irmáns, decide emigrar a América Latina coa intención de crear unha importante fábrica madeireira, Campos Ramírez Hermanos, e dedicarse á fabricación e exportación masiva de futbolíns, especialmente en Ecuador e Guatemala. De aí á gloria.