O Camiño a Fisterra: o eterno esquecido

Manuel Canosa TRIBUNA ABERTA

FISTERRA

23 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É recoñecido polos hostaleiros da Costa da Morte, e incluso polos políticos, que o Camiño a Fisterra é o principal reclamo turístico da comarca e un dos reclamos máis importantes da chegada de visitantes a nivel Galicia. Preto dun 80 % das reservas hoteleiras están relacionadas co Camiño. Se isto é así, ¿por que o Camiño a Fisterra está sendo esquecido polas Administracións e non se lle está prestando o interese que merece? Non temos máis que ver a promoción que da Costa da Morte se fixo este ano en Fitur, onde non hai case referencias ao Camiño. Por parte da Xunta, as accións son máis ben escasas e limítanse a facer unha guía anual do Camiño a Fisterra-Muxía como un anexo o Camiño de Santiago. Botamos de menos un Plan de Formación que forme os empregados e os conecte co visitante, que non ten que ver nada co que nos chegaba hai dez anos (idiomas, novos servizos, novas tecnoloxías, redes sociais...). Pedimos un plan de melloras estruturais de mantemento, recuperación, sinalización común do Camiño. E, por último, demandamos unha promoción, divulgación e publicidade axeitada en todos actos ou feiras nas que participe a turismo de Galicia. Nas últimas nas que estiven, INTUR, FITUR 2015, FORUM do Camiño, etcétera, para a Xunta o Camiño remata en Santiago como sempre. As Administracións Locais e as asociacións que aglutinan o sector na comarca tampouco están sabendo interpretar a importancia do Camiño como reclamo e perdémonos moitas veces en batallas e leas que deixan de lado o principal. Así, acabamos de asistir a FITUR 2016, principal escaparate turístico de España, e a Deputación fai unha aposta importante polo Camiño dos Faros, algo tamén atractivo, pero ningunha referencia ao Camiño. APTCM e o CMAT presentan una web, ben moderna, onde o Camiño non existe, e os distintos Concellos tamén fan promoción -Muxía, Touriñán; Dumbría, a Volta Ciclista; Camariñas o encaixe...-, pero non hai accións conxuntas que defendan o principal recurso turístico da comarca. Capítulo aparte merece o Concello de Fisterra e os seus profesionais de turismo: unha vez máis perderon unha ocasión histórica de presentarse en Madrid como garante e impulsor das accións a levar a cabo entre todos para manter e promocionar o Camiño. Esperamos que non sexa a única pero un ano xa vai perdido. Son xa máis de 1000 prazas de aloxamento en Fisterra entre hoteis, hostales, albergues... e iso sen contar que do Camiño tamén viven restaurantes, bares, cafeterías, axencias...: estamos ante o principal recurso económico de Fisterra. Só por isto necesitamos una resposta conxunta que teñen que dar os novos gobernantes locais da man cos seus empresarios de hostalería. Demandamos sen máis dilación un plan integral do Camiño de Fisterra, que englobe a sinalización e recuperación dos tramos do Camiño que pasan por Fisterra, unha presenza máis activa no mundo virtual e utlización das novas tecnoloxias e redes sociais para difundir o camino, información turística (mapas, espazo web, presenza en Facebook, Twitter, etc, ), promoción e publicidade axeitada nas distintas feiras e fórums de turismo que se celebren en Galicia e fóra de Galicia coa temática do Camiño. Demandamos a realización dun congreso ou fórum comarcal para intercambiar opinións cos expertos en turismo, historiadores, alcaldes e técnicos de turismo doutros municipios, e ver como entre todos coordinamos este novo fenómeno turístico que non ten nada que ver co turismo tradicional e cos visitantes que se achegaban á comarca hai anos. Fisterra ten que liderar comarcalmente este proxecto común e darlle a importancia que se merece. É hora da política con maiúsculas, da planificación e de tomar a cousas en serio, non perdernos en batallas pírricas, que si casco histórico peatonal, recuperar a vaca..., temas que teñen a súa importancia, pero temos que ter máis altura de miras.