Lugares impagables

Vicente de Lema ONDA MAINA

FISTERRA

19 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende San Bartolo, o mundo semella unha pantalla na que un vai mirando absorto cara os vehículos que circulan polas estradas cun destino tan descoñecido como as ilusións e os pensamentos de quen os ocupan. As pedras asubían secretos inintelixibles nunha interminable sinfonía. Nestes días é un lugar tan inhóspito como fermoso. O vento frío do inverno, case violento, castiga o rostro. Incluso parece que querer afogar ao intruso visitante. Como se lle estivese dicindo a un a berros que alí non é un lugar para estar. O san Bartolo mira impasible cara o saínte, se ben os axentes climatolóxicos van erosionando a escultura nunha especie de peaxe por lucir naquela soidade chea de beleza. O Atlántico tamén turra alá ao lonxe contra Vilán e contra a punta da Barca. San Bartolo é un bo termómetro para medir a fermosura dunha terra que cada vez parece máis solitaria. Bergantiños, Soneira e Fisterra alá abaixo, movéndose a tamaño dunha formiga. Todo propicio para a economía de efectos da que fala a doutora do lado. ¿Canto valería a entrada a San Bartolo e retar ao vento para ver a vida bulir no fondo dos vales? Hai imaxes e momentos impagables. Agora que os peregrinos non son o home do saco sería aconsellable non perder o norte. O Camiño de Fisterra era como o San Bartolo, levaba tempo esquecido, abandonado e solitario. Houbo xente que o puxo a andar e nun par de decenios xa se ve a velocidade que está collendo. Non entanto, as présas nunca foron boas conselleiras para facer as cousas ben. Un tropezo pode tirar anos de traballos e que volva o home do saco.