«Sempre queda máis por aprender que por ensinar»

isidoro valerio / Á. p.

FISTERRA

MARCOS MÍGUEZ

O fisterrán, premio Emprendedor Revelación, acaba de publicar o libro «Los 88 peldaños del éxito musicales»

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O fisterrán Anxo Pérez segue sumando éxitos. Acaba de lograr o premio Emprendedor Revelación e de publicar o seu segundo libro, Los 88 peldaños del éxito musicales no que traslada o seu exitoso método para aprender idiomas ao campo da música e mostra as súas dotes para a composición e a canción, tal como contou onte en Radio Voz.

-O seu é un non parar.

-Pois a verdade é que si, non paro de dar sobre todo conferencias por toda España, pero tamén no estranxeiro e estou presentando o meu segundo libro, Los 88 peldaños del éxito musicales. Estou moi feliz porque non paran de suceder cousas moi bonitas, pero sempre digo que detrás non hai unha historia de éxito, senón unha historia de moitísimo moitísimo esforzo.

-¿Por que todo o que fai está relacionado co número 8?

-O 8 é o número do éxito en China; é moi especial e máxico, e ademais, cando o tumbas, dáche o símbolo de infinito, e eu defendo que a aprendizaxe é así, infinita, porque non ten fin... Eu espero seguir aprendendo moitas máis linguas, moitos máis instrumentos musicais.

-¿De que vai este novo libro?

-O primeiro libro, Los 88 peldaños del éxito, está pensado para o cerebro. É un libro para ler, un libro con principio, con final, con palabras... Pero o segundo ten moito máis que iso: está pensando para os ollos, para os oídos e para as mans. Para os ollos porque ten chanzos ilustrados con frases que circulan por Internet e un deseño moi especial, máximas como que «o inimigo da vida non é morte, senón o desaproveitamento» ou que «non podes conseguir máis que ninguén facendo o mesmo que todos». Para os oídos porque é un libro disco, que ten oito cancións cantadas nas tres linguas máis faladas do mundo (o español, o chinés e o inglés). E para as mans porque ademais é un libro pensado para a acción co cal ten oito actividades pensadas para darlle vida a cada un deses chanzos anteriores.

-¿Como se poden seguir os pasos de Anxo Pérez?

-Eu son un humilde aprendiz ao que lle queda moito por aprender; fago case todo, non ben senón moi mal, pero fago unhas poucas cousiñas ben. Todos temos un océano que representa o que facemos mal e unha piscina que representa esas cousiñas que facemos ben. E temos dúas opcións: ou intentar mellorar o océano, o cal é imposible, ou centrarnos na nosa piscina, que é o que realmente debemos facer para aproveitar ese pozo de petróleo que todos levamos dentro. Eu non son especial, o único que fixen foi aplicar unha serie de claves; se conseguín aprender nove linguas ou tocar nove instrumentos é porque o método que utilizo funciona. É o mesmo que empregamos para crear 8belts.com e co que hoxe xa máis de 30.000 persoas aprenderon inglés ou chinés.

-Pero tamén haberá xente que se achegue e lle diga que seguiu o seu método, pero nin conseguiu aprender chinés nin ten o éxito que vostede ten.

-O bo de 8belts é que democratiza o éxito. Nós garantimos que en 8 meses vas estar falando inglés ou chinés e se non o consegues ímosche devolver os cartos. ¿Iso que significa? Pois, primeiro, que máis nos vale que esteamos a dicir a verdade porque senón ímonos arruinar; e segundo, que funciona non no 99% dos casos, senón no 100% sempre e cando o alumno nos dea 30 minutos de estudo ao día. Cando alguén me di ?Anxo é que eu son moi malo para as linguas, teño moi mala memoria? eu dígolle ?benvido, porque vaste decatar de que non tes ningún problema, non che falta ningún tipo de habilidade?. O problema cando alguén non aprende unha lingua non é del, é do método.

-Pero vostede tamén di que non hai éxito nin sacrificio.

-Si, que ninguén pense que 8belts é un método milagre. Require esforzo, pero, por suposto, dá resultados, de aí que eu diga nun deses chanzos non admires o éxito, admira o esforzo?. Detrás desta metodoloxía hai máis 40.000 horas de traballo, detrás do libro Los 88 peldaños del éxito houbo 13 anos nos que pasei recompilando cada unha das máximas que aparecen no libro. Ó éxito é enorme e non paramos de recibir premios, pero reitero que é unha historia de moitísimo esforzo; por iso digo que cando recibes calquera tipo de éxito non é o momento de pensar que ben o fixen, senón a quén tes que dicir grazas.

-Traballou para o FBI, a ONU, Obama; ten o premio Cidadán Europeo do ano pasado... ¿Onde ten a súa meta?

-Eu son de Fisterra, levo o seu nome e o de Galicia por todos os sitios por onde vou, síntome moi agradecido e penso que independentemente do que leves feito, sempre queda todo por facer porque a humildade é o lugar máis importante do mundo, non hai que perdela nunca de vista porque sempre te queda máis por aprender que por ensinar. Pero é certo que unha empresiña que empezou desde o fin do mundo, como é Fisterra, xa ten conseguido moitísimo máis que moitísimas multinacionais.

-¿Isto é innato en vostede ou alguén lle abriu os ollos de rapaz para ser emprendedor?

-Os meus pais teñen unha tenda en Fisterra, Galerías Pérez, que é moi coñecida, e os meus avós tamén eran emprendedores; as miñas irmáns teñen unha tenda en Santiago que se chama Elsavadeboda, que tamén é moi coñecida... así que supoño que os xenes están aí, pero tamén está a teoría do esforzo, de vencer os medos que require emprender porque non é fácil e case sempre para que che saia unha idea boa ten que haber moitas malas detrás, pero eu defendo que a mellor escola é a escola dos batacazos, porque aprendes de cada un deles: os fracasos son o contaquilómetros do éxito.